Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/07/2020 | Actualizada ás 14:14
Beatriz Pino (Vigo, 1975) fala ás présas pero con seguridade. Xornalista de profesión, era unha cara descoñecida na política ata que o ano pasado foi proposta polo seu partido para as eleccións ó Congreso do 28A. Gañou o escano -por Pontevedra- e puido asistir á segunda lexislatura máis breve na historia da democracia. O domingo enfronta outra cita electoral na que, esta vez como cabeza de lista, terá a difícil tarefa de atopar o seu espazo entre un electorado ata agora monopolizado polo PP.
Pino dá a Feijóo por gañador pero reivindica o seu papel de contrapeso "moderno e dialogante" para formar un goberno de coalición no que non descarta contar con Vox. GC conversa con ela sobre o futuro de Alcoa, unha posible coalición de esquerdas -que, asegura, sería "terrible" para Galicia- e a súa relación persoal co galego: "temos que defendelo pero sen caer na obrigatoriedade", pondera.
A pregunta de rigor. Que expectativas tedes para 12X?
O noso obxectivo é pasar a formar parte do goberno da Xunta de Galicia. Penso que os galegos terán moito por gañar se un partido coma este entra nesa ‘foto final’ de goberno.
Vedes máis posibilidades de entrar no Parlamento que en 2016?
Si, por unha razón sinxela. Penso que, ademais dun programa electoral absolutamente necesario para Galicia, temos a vontade de poñer en activo o noso goberno, que leva xa moitos anos -diríache que demasiados- literalmente ‘varado’. Nin eu nin o resto de galegos queremos outros 4 anos dun goberno que non está dando oportunidade nin futuro, algo que sofren, sobre todo os máis mozos, que teñen que saír fóra mes tras mes para buscar un futuro.
En 2016 non conseguistes escano no Parlamento Galego a pesar de contar con moita máis forza a nivel estatal que agora. Esa variable non inflúe?
A fortaleza que temos agora é a demostración que estamos a facer a todos os españois do tipo de política que facemos: a útil. Por exemplo, grazas ás negociacións de Cidadáns co Goberno central agora hai 400.000 galegos que están cobrando o ERTE aínda que xa rematara o estado de alarma. En sectores como o turismo poderán recibir a prestación ata o mes de decembro, incluso. Penso que é un mérito do noso partido porque, nun momento de crispación, tivemos a suficiente de altura de miras como para sentamos a falar cun Goberno co que non comulga e arrincar medidas que melloraron a vida dos españois e dos galegos.
Adoitades caracterizarvos como o “partido das familias”. En que se traduce este enfoque?
A nivel de Galicia temos un gravísimo problema poboacional: que non nacen nenos. Levamos 30 anos -que se di pronto- con máis falecementos que nacementos. O que hai que facer para frear isto é apoiar ás familias e incentivalas para contar cun relevo xeracional. Non pode ser que os nosos mozos teñan que facer números para saber se poden ou non poden ter fillos.
Por iso propoñemos implantar a gratuidade dos libros de texto -como xa facemos en Madrid ou Andalucía-, das escolas infantís de 0-3 anos e ata ofrecer clases de inglés gratis durante o verán para apoiar tamén a conciliación dos pais. Ademais, imos conseguir que as familias de dous fillos sexan consideradas numerosas, e o mesmo para as monoparentais, aínda que só sexan de un fillo, entre outras medidas.
ALCOA, RESIDENCIAS PRIVADAS E ESCOLA CONCERTADA
A industria galega está a atravesar un momento crítico cos peches de Alcoa e Meirama. Como se detén esta sangría?
Sangría é a palabra que mellor define a situación non só da industria senón tamén do sector naval, do pesqueiro... Temos que ter claro que sen un tecido industrial non imos deter o declive demográfico: cando desmantelan a industria desmantelan tamén á poboación. Por iso temos que apostar polo I+D para modernizar o noso tecido e dar facilidades ás empresas para evitar que se despracen, por exemplo, ó norte de Portugal, que é algo que xa está pasando.
Esta fuga, ademais, ten moito que ver coas nosas infraestruturas. Temos constancia de empresas que non se asentan en Galicia porque non temos boas comunicacións. Se o AVE chegara por fin, ademais de darnos comodidade, levaría a moitas empresas a instalarse aquí.
Unha das solucións que se baralla para a planta de San Cibrao é nacionalizala. Apoiades esta medida?
Non somos un partido que vexa nas nacionalizacións unha solución. Alcoa é un caso clave de inacción política da que son responsables ó 50% PP e PSOE, que non fixeron nada por incentivar unha diversificación cando xa era visible que isto podía pasar.
O paso do coronavirus avivou o debate sobre as residencias privadas e xestionadas por empresas. Precisa un cambio o modelo?
Creo que o debate non está en xestión pública ou privada senón en garantir ós maiores unha atención sanitaria á altura das circunstancias. É obvio que dende a clase política fallámoslle ós nosos maiores, e por iso me comprometo a asegurar que todas as residencias de Galicia conten coa atención médica necesaria.
Tanto públicas como privadas?
Claro. Haberá que estudar cal dos dous modelos é mellor pero o punto central é garantir que todos os maiores conten con atención médica.
O Goberno central vén de dar unha partida de 2.000 millóns para que as comunidades a distribúan como queiran entre centros públicos e concertados. Cal sería o voso reparto?
Nós facemos unha defensa da educación concertada, como non pode ser doutro xeito, e máis nunha comunidade cunha natalidade tan baixa como Galicia. A semana pasada viamos como o Goberno Central pretende deixar fóra desta ‘reconstrución’ a educación especial e a concertada. Nós opoñémonos porque defendemos que os pais e nais deste país poidan elixir en liberdade que educación lle queren dar ós seus fillos.
Este dereito a escoller inclúe, por exemplo, a selección de lingua?
Si. Calquera persoa, con naturalidade e liberdade, debería poder escoller que lingua empregar en Galicia. Se eu quero falar galego, podo falar galego, pero si yo quiero hacer la entrevista en castellano pues me gustaría que no se viera como un problema. É dicir, ter a capacidade de escoller para destacar a nosa riqueza e sempre respectando aos demais.
"SEMPRE FALEI EN GALEGO COS MEUS AVÓS"
Un dos aspecto máis comentados do debate a 7 foi precisamente o nivel do teu galego. É a túa lingua materna?
Non sabía que se falara diso (ri). Non é lingua materna ó 100% porque aínda que os meus pais falan galego na casa meu irmán máis eu falamos en castelán un co outro. Si é verdade que cando vivían os meus avós e iamos ó pobo, en Ponteareas, sempre falabamos con eles en galego. Non considero que o fale ben ben de todo pero, quen fala galego normativo ó 100%? En certo modo tamén é unha riqueza que cada quen poida meter as súas palabras que, aínda sen ser normativas, expresan perfectamente o que falamos na rúa.
Continuando co galego, non é un segredo que leva décadas en regresión. Di o IGE que en só 15 anos caeu nun 10% o número de persoas que o teñen como primeira lingua. Debe tomar cartas a administración neste asunto ou hai outras prioridades agora?
Absolutamente, hai que tomar medidas para preservar a nosa lingua porque é unha riqueza. Pero sempre co matiz que falabamos antes: hai que poñer en valor unha cultura envexable como a nosa, pero sen imposicións e coa liberdade por diante. A nivel da administración pública, por poñer un caso, o máis lóxico é avogar polo uso das dúas linguas para que así, por exemplo, un opositor que non coñeza ben o galego non vexa mermadas as súas posibilidades.
Non obstante, o voso programa non recolle ningunha medida concreta para potenciar o uso do galego.
Non temos medida coma tal pero pensamos que, dende o momento en que avogamos por esa libre elección na administración e os colexios, xa estamos a apoiar o galego. Uns pais que queiran que os rapaces se escolaricen nel poden facelo, por exemplo.
Precisamente, defendedes poder escoller a lingua de escolarización e dos trámites administrativos. Podemos falar dunha discriminación do castelanfalante neste ámbitos?
Eu centraríame máis no feito de que cada persoa poida seleccionar, con liberdade e naturalidade, que lingua quere empregar para tratar coa administración. Non lle daría moita máis gravidade que poder pensar “hoxe síntome cómodo falando en galego así que collo un documento en galego”, pero se prefiro facelo en castelán poder escollelo. Penso que debemos esquecer ese marco obrigatorio e tender máis á liberdade no marco da naturalidade.
Como vimos de falar, Ciudadanos defende unha lei educativa que permita seleccionar a lingua de escolarización. Nesta escolla contemplaríase un mínimo de calquera das dúas linguas ou podería ser, por exemplo, que un alumno estudara todas as materias en galego a excepción de castelán e inglés e viceversa?
Non se trata de cotas senón de liberdade para poder elixir en que lingua queres falar, relacionarse coa administración ou aprender.
Entón podería darse este suposto de monolingüísmo?
Insisto, avogamos pola liberdade individual para elixir en lingua que queres expresarte.
A "AMEAZA NACIONALISTA"
Se as enquisas acertan, o BNG dará un forte salto con respecto a hai 4 anos. Como enfocades este aparente rexurdir do nacionalismo?
Sempre digo que as preguntas de outros partidos haberá que preguntarllas a eles, pero en calquera caso o panorama que temos diante ofrece dúas posibilidades. Por un lado, existe un cambio bastante a peor -de feito, sería terrible e terrorífico para os galegos- que sería ter a nacionalistas e populistas no goberno da Xunta de Galicia. Ao mesmo tempo, temos a opción dun cambio a mellor para esta terra, como sería a entrada de Ciudadanos no goberno. Penso que, como un partido dialogante e que só sabe facer política útil e de diálogo, daría moito que gañar ós galegos.
A comezos de xuño pedistes a Feijóo ir en coalición ás eleccións, pero el negouse. Se puidésedes volver atrás, un mes -e máis de media campaña- despois, pediriádesllo de novo?
Volveriamos ó mesmo. Levamos toda a campaña coa man tendida ó señor Feijóo para servir de muro de contención contra unha ameaza real e que non podemos perder de vista, como é o nacionalismo. Penso que o peor escenario posible para Galicia sería ver replicado un acordo de goberno como o que temos a nivel nacional. Sería, de feito, o peor goberno posible para os galegos.
O obxectivo da coalición, insisto, era que non se perdera un só voto constitucionalista, pero o señor Feijóo antepuxo os seus intereses persoais ós dos galegos.
RELACIÓN CO PP E VOX
Que diferencia a Ciudadanos do PPdG?
Que nós podemos aportar modernidade, dinamismo e capacidade de consenso e diálogo a un goberno da Xunta. Que podemos dar opcións e dar futuro á nosa terra. Por iso debemos ir a votar sen conformarnos o 12 de xullo, hai que saír sen medo e con valentía se queremos un cambio para Galicia.
Á parte, penso que a estas alturas ninguén dubida quen será o próximo presidente da Xunta de Galicia. Iso non se discute. O que si está por dicir é que tipo de goberno imos ter a partir do 12 de xullo.
Disto dedúcese que apoiaredes a Feijóo no caso de ter a chave da gobernabilidade.
Hai que agardar a ter o reconto final do 12 de xullo pero seremos coherentes. Se nun momento dado lle ofrecemos a nosa man para frear a ameaza nacionalista, evidentemente estaremos alí para evitar o perigoso escenario de ver a nacionalistas e populistas á fronte da Xunta de Galicia.
E se tamén o apoia Vox?
Non é unha cuestión de siglas senón de ver cal é o mellor goberno que podemos ter en Galicia. Máis que os participantes ou os actores desa ecuación, debemos pensar en se ese goberno serviría para darlle unha mellor Galicia ós galegos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.