E agora que?

Se comparamos cifras, veremos que o 12-X deixa as cousas tal como estaban. En todo caso, cambia a posición dos contendentes ante o futuro.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 17/07/2020

Comparte esta noticia
Feijóo gañou sen despeitearse e coas mesmas armas de sempre: unha apelación baleira a Galicia, o despregue dunha maquinaria electoral poderosa, unha mensaxe de solidez e estabilidade e a inquebrantable adhesión dos medios. Non precisa máis. O PPdeG, isto é, o partido de Feijóo, non está construído para gobernar –faino entre mal e peor– senón para gañar eleccións. E gobernan con ese obxectivo: seguir gañando. Así levan dende a democracia con apenas uns breves intervalos nos que perderon o poder por circunstancias especiais. 
 
A oposición seica xoga o seu partido. O PPdeG non semella “da súa liga”, como se di en fútbol. Uns equipos compiten para quedar campións; outros para non descender. A segunda forza fica a 22 escanos da primeira nun parlamento de 75. Recibiu menos do 50% dos apoios do partido gañador. A distancia é sideral. Nestes tempos e noutras contornas, unhas cifras similares resultan absolutamente imposibles. Non hai liga no mundo que permita tal superioridade. 
 
Se eu estiver nas mentes de Ana Pontón e Gonzalo Caballero, preguntaríame o que debo facer para romper esta brutal hexemonía de vez. No BNG están contentos. Parece lóxico: foi unha vitoria para as súas siglas e para a súa lideresa, magnífica sempre. Non o foi, sen embargo, para o seu espazo. A suma de En Marea máis BNG en 2016 acadou un 27,4% dos votos polo 27,9% que conseguiron entre BNG, Galicia en común e Marea galeguista en 2020; apenas medio punto máis, igual ca o PP que ganou 0,4. Dá a impresión de que velaí teñen o teito. 
Como podería o BNG romper ese límite aparente do 28%? Supoño que tentarán aproveitar a corrente positiva creada durante a campaña para ampliar a base, recuperar as sensibilidades e talentos fuxidos e captar novos afiliados. Entre as moitas cousas que fixo ben Ana Pontón, subliñaría a apelación e o convencemento á mocidade. O reto será conseguir un efecto similar nos demais tramos de idade. O estudo histórico do voto nacionalista pon de manifesto a dificultade extraordinaria da tarefa. 
 
A clave para tirar ao PP do goberno descansa no PSdeG e neste ámbito a marxe para medrar é ampla. Nas xerais do ano pasado, o PSOE quedou a 0,7 puntos do PP co 31,3% dos votos (19,4% nas autonómicas de hai uns días). A enorme diferenza de apoios en tan escaso intervalo de tempo so pode obedecer a un feito: os votantes non consideran que o PSdeG estea preparado para gobernar Galicia. Se o desafío do BNG revélase complicado, o do PSdeG resulta titánico. Trátase de transformar por completo o partido, imprimirlle un sólido selo autóctono, liberarse das dependencias mesetarias, compactar a organización interna, deseñar un proxecto en clave de país e facer que a presenza socialista se sinta en cada un dos 314 concellos galegos. 
 
Supoñamos que tanto os uns coma os outros evolucionan dun xeito máis ou menos satisfactorio; e tamén que Unidas Podemos continúa co seu devalo. Poñámonos, xa que logo, nun escenario posibilista ante as eleccións 2024, estea quen estea á fronte do PP en Galicia. O BNG, se confirma as boas expectativas, podería obter, digamos, 20 escanos no parlamento galego. O PSdeG, se consigue convencer parte dos votantes flotantes, sería quen de acadar unha cifra semellante. Deste xeito, a alternativa esquerdo-nacionalista chegaría a gobernar mesmo con certa comodidade.  
 
Parece factible salvo que se produzan liortas entre eles que desconecten a cidadanía do proxecto. Esa é a idea central: necesítanse para gobernar o país. Moitos celebrarían que durante os vindeiros catro anos, BNG e PSdeG puxeran en marcha un programa conxunto a aplicar nas deputacións e concellos onde gobernan. Hai liñas esenciais que se poden artellar desde os gobernos provinciais e municipais. A recuperación do agro, a potenciación da economía verde, a loita contra a hexemonía do eucalipto, o impulso ao I+D, a cooperación estratéxica das empresas, a defensa e rexeneración da cultura e a lingua propias... son programas que BNG e PSdeG poden activar e visualizar mesmo estando fóra da Xunta. Algo así facilitaría o que debería ser grande obxectivo común: empezar a gobernar Galicia sobre a base dos criterios e capacidades propias e unha visión universal do futuro. 

Feijóo no mitin da Coruña na xornada de peche da campaña.. PPDEG
Feijóo no mitin da Coruña na xornada de peche da campaña.. PPDEG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego