Rematada a carreira escolle a especialización de oftalmoloxía e abre consulta en Vigo, na rúa Policarpo Sanz núm. 22, porta con porta co despacho de Valentín Paz Andrade. Pola volta dos anos 60 Antón Beiras participa no seminario dedicado aos oftalmólogos de Galicia dirixido polo profesor Sánchez Salorio desde a súa Cátedra de Oftalmoloxía da USC. Ambos os dous organizan o ano 63 o Congreso da Sociedade Española de Oftalmoloxía na Toxa.
“Antón Beiras foi o primeiro galeguista optimista que eu coñecín”, dixo o profesor Sánchez Salorio nun traballo publicado no libro “Antón Beiras.La mirada certera.Historia del Vigoscopio”, de Alejandro Otero, un dos seus máis estreitos colaboradores na creación daquel instrumento tecnolóxico revolucionario no seu tempo que permitiu corrixir o estravismo. O ollo virollo tiña amaño grazas ás súas investigacións. Outros aparellos construídos baixo a súa dirección e polos seus colaboradores, foron o alternoobturador, o quinepleoscopio, a estimulación muscular por radio frecuencia, os prismas hidroelásticos de variación automática...
O galeguismo de Antón Beiras víñalle de vello, pois na súa mocidade pertencera aos “Ultreia”, unha agrupación xuvenil creada por Álvaro das Casas. Daquelas ensinanzas quedaron o seu amor pola nosa lingua, que consideraba apta para os traballos científicos. “Coido eu que os homes de ciencia, e concretamente os médicos, poden tratar de honrar a propia fala, escribindo nela as súas observacións e experimentos aínda que sexan modestas...Mais aínda: deben tratar de expresarse na propia fala e isto como consecuencia dunha intención, que é a de identificarse e chegar ao pobo ao que pertencen, sen renunciar, todo o contrario, ao senso universal da ciencia”, afirmaba nun artigo publicado na revista “Referata”.
A Irmandade da Sanidade Galega e o Colexio Oficial de Médicos da provincia de Pontevedra convocan en Vigo, o próximo día 2, unha homenaxe ao doutor Antón Beiras pola súa sabedoría científica e galeguismo.