Felipe VI fala de "impagable sacrificio dos cidadáns" durante a pandemia e apela á unidade de España, na ofrenda ao Apóstolo

Di que é necesario "manterse prudentes ante o virus" e preservar a "unidade" dunha Europa "solidaria" para afrontar as súas consecuencias.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/07/2020 | Actualizada ás 14:18

Comparte esta noticia

A emerxencia sanitaria da COVID-19 centrou este sábado a tradicional Ofrenda ao Apóstolo Santiago, na que o rei Felipe VI lembrou as "miles de vítimas" da pandemia e eloxiou o "impagable sacrificio dos cidadáns" que, engadiu, deben manter a "unidade" para "afrontar as consecuencias sociais e económicas" que aínda restan do coronavirus, unha cuestión ante a que tamén apelou a unha Europa "solidaria".

Os reis Felipe e Letizia durante os actos oficiais con motivo da festividade de Santiago Apóstolo en Santiago de Compostela
Os reis Felipe e Letizia durante os actos oficiais con motivo da festividade de Santiago Apóstolo en Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press.

O monarca presidiu, xunto coa raíña Letizia, a tradicional Ofrenda que cada 25 de xullo se realiza ante o Apóstolo Santiago e que, nesta ocasión, quixo facer persoalmente do mesmo xeito que xa ocorreu en 2014, ao ano seguinte do tráxico accidente de Angrois.

Foi no marco dun acto diferente tanto polas medidas de protección derivadas da pandemia da COVID-19 como pola propia localización. Un ano máis, a celebración tivo lugar na Igrexa de San Martiño Pinario por mor das obras na Catedral, e, nesta ocasión, non contou co tradicional saúdo ás autoridades nin pase de revista ás tropas no Obradoiro.

Ademais do obrigado uso da máscara e a distancia de seguridade, a COVID-19 tamén estivo presente na propia ofrenda que realizou o rei, na que eloxiou a capacidade dos españois para "dar resposta aos desafíos" como leste.

Felipe VI admitiu que as problemáticas ás que se enfronta agora España "son enormes" e "non só afectan a saúde ou á economía", se non "tamén á confianza das persoas no futuro que, para moitos, pode deixar de ser un fogar acolledor para converterse nun horizonte incerto".

"A crise sanitaria provocada pola COVID-19 deixa miles de vítimas cuxo recordo debe acompañarnos por sempre, e tamén situacións angustiosas polo confinamento", dixo o monarca, que tivo tamén palabras para "o impagable sacrificio dos cidadáns en todas as esferas de actividade", que combinaron " a entrega sen límites cunha profesionalidade extraordinaria".

Agora, lembrou, é necesario "manterse dilixentes e prudentes ante o virus", así como "afrontar as consecuencias sociais e económicas da pandemia" cunha "unidade profunda ao redor dos valores compartidos" e en base á "procura do ben común".

UN "ESFORZO COMÚN"

Durante a súa alocución, Felipe VI chamou aos cidadáns a enfrontarse a esta situación cun "esforzo común" similar ao que se "produciu noutras encrucilladas" da historia e tendo en conta que "as ideas de fraternidade e unidade" son as que "moven" os pobos "cara a grandes logros".

"Hoxe, ese logro consiste en ser capaces de minorar o impacto da crise, sen diminución da solidariedade entre persoas e territorios que os españois consagramos na nosa Constitución", dixo o monarca, que eloxiou como, nos momentos "máis agudos" da pandemia, "españois xeograficamente distantes sentíronse unidos nunha causa común".

Por iso, apelou a profundar nese espírito de "concordia" para afrontar o futuro, un camiño no que mencionou tamén ao "proxecto europeo", que "ten unha das súas máis antigos berces no Camiño de Santiago".

MEDIDAS SOLIDARIAS DESDE A UNIÓN EUROPEA

A Unión Europea, dixo Felipe VI, é "sen dúbida, a construción política, social e económica máis importante da historia" e afronta hoxe en día unha etapa na que "non cabe a fragmentación".

Por iso, engadiu, o seu "principal reto" nestes "tempos de incerteza" é "salvagardar eses valores e consolidar e avanzar nese proxecto compartido", para responder "con prontitude" os efectos da crise con "medidas solidarias" que permitan aos membros "seguir camiñando xuntos con maior seguridade e solidez".

O rei, que leu parte da ofrenda en galego, agradeceu tamén o compromiso de Galicia "co autogoberno" e coa España "diversa e plural", así como con "o pleno desenvolvemento da democracia a pesar das dificultades dos últimos meses".

Finalmente, reivindicou o valor cultural e tradicional deste acto e da figura do Apóstolo. "Facemos esta ofrenda en representación dun pobo que realizou grandes xestas, grandes achegas ao mundo e que, ao mesmo tempo, soubo superar as adversidades que o destino lle deparou", finalizou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Lad

Os Borbóns xa están amortizados e sobrepasados. Toca pasar páxina.

2 Saviñou

Galiza non ten rei, terá presidenta en 4 anos!

1 Sardiñeira

Saviñou, será presidentiña coa axuda do cacique de Escairón con pazo en Arxeriz que dirixe o PsoEspañol, como aliado natural do BNG, baixo a Constitución Española e sen tocar a Monarquía "que nos hemos dado" e agachándose ante La Voz de su Amo. Pateta, desperta que sodes os colaboradores necesarios!

1 José

Se o pai acumulaba cartos de comisións mentres falaba de dar exemplo sendo honestos, quen sabe se este seu fillo non estará a seguir os seus pasos. Xa o fixo o fillo político e a filla biolóxica. Sería mellor investigalo agora e non deixalo para cando abdique. Pero claro, hai quen non se fía da unidade de España baixo a III República.