Veciños de Monterrei: "Afogabamos... arderon viñas, carballos, castiñeiros e as hortas das casas"

"A sensación de afogo polo fume era insoportable e temiamos polas nosas casas, ás que non podiamos achegarnos", explica unha veciña. "Quen fixo isto ten que ser unha persoa que está mal da cabeza", din.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/07/2020 | Actualizada ás 15:17

Comparte esta noticia

Veciños da localidade de San Cristóbal en Monterrei (Ourense), afectada por un incendio que mantén decretada a situación 2 de emerxencias e que xa calcinou máis de 1.000 hectáreas, describen "unha situación angustiosa", co núcleo de poboación "rodeado por todos lados polas chamas", o que obrigou a desaloxar vivendas e ao redor de 60 persoas.

María Rosa González ten a súa casa na zona superior do pobo e explicou a Europa Press que "grazas a deus o lume quedou ás portas de entrar na súa vivenda", pero si lle "ardeu a leira e ata unha figueira que tiña na entrada". Á mesma "complicada situación" tiveron que facer fronte o resto de residentes da localidade, cunhas 40 casas habitadas, que "observaban como o lume puña en perigo os seus fogares sen poder achegarse a eles, polo seu ben".

"Afogabamos. O fume era insoportable, por iso decidimos marchar para Medeiros antes de que nos pedisen desaloxar", sinalou María Rosa González. Os seus sogros, que viven nunha das primeiras casas indo cara á parte de San Millao en Cualedro, o lugar no que se iniciou o lume durante o mediodía do mércores, coinciden en sinalar que "viviron un día moi difícil".

Apuntan a que falaron co alcalde "ao empezar a ver o primeiro fume" e trasladoulles que "estaba preto de San Millao" pero, "de súpeto houbo un forte remuíño de aire e en cuestión de minutos o lume deu un xiro e xa estaba xunto ás casas".

OS DANOS

Durante a mañá deste xoves, María Rosa González estivo dando unha volta polo pobo e puido comprobar que aos seus veciños "ardéronlle viñas, carballos, castiñeiros e, mesmo, os hortos próximos ás casas". "O certo é que o susto foi enorme, pero trato de pensar en que polo menos non houbo a desgraza de que o lume conseguise entrar en ningunha casa", engadiu.

Os veciños volven falar de "intencionalidade" neste gran incendio, cun foco moi próximo ao último rexistrado en menos dunha semana na zona da Salgueira, en Monterrei. "Ten que ser unha persoa que está mal da cabeza", sinalan antes de engadir que "non hai ningún motivo para plantarlle lume ao monte e menos nunha zona en que ven perigar as casas".

"Parece que este vai ser un ano difícil e que nolo están facendo a posta. Non quero ser mal pensada, pero as condicións climatolóxicas que se daban onte, nun día de intensa calor e con fortes ventos e a rápida propagación das chamas fanme pensar no peor", lamenta María Rosa González.

Zona queimada polo incendio de Cualedro e Monterrei (Ourense) que segue sen control. Rosa Veiga - Europa Press
Zona queimada polo incendio de Cualedro e Monterrei (Ourense) que segue sen control. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

EFECTIVOS

Este gran incendio que afecta os municipios ourensáns de Cualedro e Monterrei, que se converteu no de maiores dimensións no que vai de verán en Galicia, obrigou a solicitar a colaboración da Unidade Militar de Emerxencias (UME) nas tarefas de extinción.

Así, desde a tarde do mércores desprazáronse ata a zona 170 efectivos do Quinto Batallón de Intervención en Emerxencias (BIEM V) e 57 vehículos, entre os que se atopan seis autobombas, un camión abastecedor, unha máquina Dozer 5, un camión cisterna, así como vehículos de transporte e apoio.

Tamén foron despregados medios do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que desprazou unha Brigada de Especialistas en Extinción (BRIF) con dous helicópteros de transporte e descarga de 1.200 litros de capacidade desde a base de Laza e outra BRIF procedente de Tabujo del Monte (León).

Tamén foron destinados catro avións anfibios procedentes das bases de Lavacolla (A Coruña), Torrejón (Madrid) e Matacán (Salamanca); un helicóptero bombardeiro, cunha capacidade de 4.500 litros, que voou desde Ibias (Asturias); un avión de coordinación e observación (ACO), utilizado en tarefas de vixilancia, transmisión de imaxes e observación do incendio, que viaxou desde o aeroporto de León; e un avión de carga en terra cunha capacidade de 4.500 litros de da base de Xinzo de Limia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 11 comentarios

7 Ricardo R.

Si todos los mangantes que están un cobrando un subsidio sin hacer nada estuvieran limpiando el monte de maleza no habría incendio ninguno.

6 Ana

Se tiveran o Coronatimo seguro que enviaban ali a toda a prensa nacional e todolos medios. Agora so existe o Coronatimo, o resto non existe. Se morres nun lume ninguen se vai enterar, mais se es un "asintomatico" es noticia nacional.

1 anonimo

E dalle, as obsesións son obsesivas. ¿ Agora xa non di que so en Galicia hai mascarillas, que en todo o resto do mundo non as hai ? Para ser un " coronatimo" xa van mais de medio millón de mortos, tanto " timo" non debe ser ¿ Haberá mais lerias histéricas ?

5 anonimo

En Cualedro e Monterrei ninguén vai construir nada, así que é ridículo falar de " recalificacións": seguimos cos tópicos de sempre. Eso si, dicir que os incendios en Galicia son provocados é unha idea ( seica ) da dereita. Xa que logo, é falsa. Así razoa moita xente. Xa poden aparecer incendios de noite, por cinco sitios i en tempo de seca. En Galicia non hai pirómanos e o monte arde por culpa da Xunta: eis a idea con que nos machacan ano tras ano.

1 Xanc

Recalificacións xa as houbo: Ribeira, Boiro, Sanxenxo... Lémbroche o negocio de vender a madeira queimada?(agora xa non se pode). Eucaliptización ao servicio de Ence non é negocio ? Que por certo, Ence paga a grande parte de impostos fóra de Galicia. Os medios aéreos, parte importante, para empresas “amigas” non é tampouco negocio ? Pero xa se queres comparemos... Canto arde Asturias, Cantabria e País Vasco? Pouco ou nada . Compara con Galicia...

4 Xesús Ateo Recalcitrante

Ao mellor iso é o que algúns quererían: que arderan carballos e castiñeiros para, ao abeiro da lei de montes comunais do Partido Popular e a posibilidade de expropiar montes comunais, encher o sitio de eucaliptos e piñeiros para ENCE, FINSA e Navigator.

1 Tartufo

Isto que dis é o absolutamente certo. Só hai que mirar onde queiman e que queiman. Onde nacín eu queimaban continuamente os montes. Unha vez que estiveron cheos de eucaliptos pararon de queimalos.

3 cachamuíña

No paraíso socialista-nacional-independentista o monte non arde nin os incendios son intencionados. Teño que che lembrar que no ano 2006 (gobernó bipartito) nas provincias da Coruña e Pontevedra arderon mais hectáreas ca nos cinco anos precedentes xuntos? Nese verán arderon 86.000 hectáreas, o goberno de Touriño-Quintana levaba xa un ano no poder e o conselleiro de Medio Rural era Suárez Canal do BNG. Nesa vaga de incendios morreron 4 persoas… Supoño que non disfrutarías do votado, verdade?

1 Xanc

O negocio do lume sabedes ben no PP de qué vai... Recalificacións, ENCE, empresas dos medios aéreos... Sabes ben que en meses non dá para montar un servicio contraincendios... Fálame dos anos 2007, 2008 e 2009. Fálame do Banco de Terras. Fálame da profesionalización e material das cuadrillas deses anos... Se tés dúbida, vai falar cas cuadrillas que agora están en folga. Por certo, do Bipartito vai para 15 anos... Evolucionade e ide mercando máquinas destructoras de papel e martillos para os discos duros. Faránvos falta no 2024. Besis