Segue ardendo o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés

Permanecen controlados outros dous en Muíños e quedou extinguido outro en Lobeira. En total, entre o de Lobios e Muíños levan ardidas case 470 hectáreas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/08/2020 | Actualizada ás 09:51

Comparte esta noticia

O incendio forestal que se rexistra desde a mañá do pasado sábado no municipio ourensán de Lobios tras entrar por Portugal segue activo este martes tras queimar unhas 420 hectáreas no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.

Así o informou a Consellería do Medio Rural, que indicou que este lume se localiza na parroquia de Manín, onde comezou ás 8,00 horas do sábado tras entrar desde Portugal. As últimas estimacións sitúan a superficie afectada nunhas 420 do citado parque natural.

No control deste incendio traballaron ata o momento un técnico, 19 axentes, 54 brigadas, 29 motobombas, dúas pas, nove avións e 11 helicópteros, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Neste incendio accidentouse o fin de semana un hidroavión do operativo de extinción portugués, no que faleceu o piloto, un cidadán luso, e o seu acompañante resultou ferido.

MUÍÑOS

Pola súa banda, permanece controlado desde as 10,09 horas deste luns un novo incendio declarado na parroquia de Requiás no municipio de Muíños, que tamén afecta o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.

Este lume comezou ás 1,07 horas do luns e as primeiras estimacións sitúan a superficie afectada nunha hectárea rasa. Ata o momento mobilizáronse para o seu control tres axentes, sete brigadas e cinco motobombas.

Tamén segue controlado outro incendio na mesma parroquia e municipio de Muíños que se iniciou o venres pasado e que afecta a unhas 50 hectáreas de superficie. Para a súa extinción enviáronse ata a data seis axentes, 24 brigadas, 16 motobombas, unha pa, nove avións e sete helicópteros.

EXTINGUIDO

Mentres, quedou extinguido ás 1,32 horas deste martes o lume que se orixinou na tarde do luns na parroquia de San Xes de Vilariño no concello ourensán de Lobeira. As últimas medicións indican que afectou a seis hectáreas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, delas cinco rasas e un arboredo, sinalou Medio Rural.

No seu control traballaron en total tres axentes, nove brigadas, tres motobombas, seis avións e tres helicópteros.

Incendio no Xurés
Incendio no Xurés | Fonte: remitida

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta