Este é o mapa dos incendios en Galicia durante 15 anos: Manzaneda e Viana do Bolo, as que máis arden

A provincia de Ourense a que máis actividade incenciaria ten. Mugardos, Barreiros e Cabanas, os que menos. O número medio de hectáreas queimadas por municipio entre 2015 e 2015 foi de 1197,1, sendo o cociente medio de superficie ardida por incendio de 4,3 hectáreas.

Por Xurxo Salgado | Ourense | 24/08/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia,  un país de pouco máis de 29.000 Km2, presenta unha alta porcentaxe de monte e bosque, aproximadamente un 69%, a maior parte abandonado e cheo de maleza.  De feito, conta  cunha das máis extensas superficies forestais desaproveitadas, até un 30 % do seu territorio. Dos algo máis de dous millóns  de hectáreas de monte, hai 600.000 que non se atopan arborados. Esta porcentaxe é máis do dobre que o estimado en países como Finlandia ou Austria, e tamén moi superior ao de Suecia ou Estados Unidos.

Ademais,  os  últimos  informes  demostran  que  as  tempadas  de incendios  están  a alongarse e  que,  dentro de Europa,  o norte de España e Portugal, son as áreas máis críticas. Os incendios forestais recoñécense como un dos problemas ambientais máis importantes dentro de Galicia, supoñen un impacto de gran envergadura para o sector económico e provocan grandes riscos para as persoas e ecosistemas, todo iso unido ao gasto público que supoñen.

E, a pesar de representar só o 5,8% da superficie do Estado, Galicia concentrou o 50% dos incendios forestais de España no que levamos de século. A provincia máis afectada é Ourense, seguida de Pontevedra, sendo os concellos de Viana do Bolo e Manzaneda, os máis afectados. Así se pon de manifesto na investigación “Influencia de la realidad socioeconómica de Galicia en la dinámica de producción de incendios forestales”, publicada por Jaime de Diego Abad, Antonio Rúa Vieites e Mercedes Fernández García da Universidad Pontificia Comillas o pasado 12 de marzo no Boletín da Sociedade Española de Geografía.

FACTORES E CAUSAS

Nesta investigación realizase un estudo da  distribución  espacial das áreas percorridas por incendios forestais (Hectáreas queimadas e Cociente hectáreas/nº de incendios) en Galicia desde o 2001 ao 2015 municipio por municipio. Tamén se establece a relación entre as variables socioeconómicas e ambientais eleccionadas en referencia  aos municipios galegos e as hectáreas queimadas  e o cociente  hectáreas/nº de incendios ocorridos ou intensidade neses quince anos.

E os resultados non deixan lugar a dúbidas xa que coinciden con moitos dos incendios deste verán, que tiveron lugar en zonas de alta actividade incendiaria. Así, e segundo recolle este estudo, os lumes están  directamente  relacionados  tanto con factores  socioeconómicos  conexos  á vulnerabilidade social (o envellecemento  poboacional ou a baixa  densidade  de poboación unida ao escaso desenvolvemento  económico) como con factores  naturais ou ambientais  (a gandaría extensiva, as zonas abandonadas ou  as  zonas  de interfaz  urbano forestal).  

A infestigación suliña que os  incendios forestais  en Galicia teñen  unha  marcada  estacionalidade.  Entre  os  anos  2001  e  2015 concéntranse na época estival, tendo un repunte entre os meses de febreiro e abril, nos que é  habitual  a  limpeza  de terreos e  a  queima  de restrollo.  Neste sentido,  o número  medio  de hectáreas  queimadas  por municipio  durante  os  quince  anos  analizados foi de 1197,1.

ONDE ARDE MÁIS

A localización dos incendios nos 15 anos seleccionados tamén é bastante constante. A provincia de Ourense é a máis afectada os incendios forestais onde se queima sobre todo mato fronte á superficie de arboredo. O  valor  medio  máis  elevado  en hectáreas  queimadas  prodúcese  nos municipios  desta  provincia,  con 1.807,6  seguida por Pontevedra, cunha media 1.387,5, A Coruña, con 880,2 e Lugo, con 622,5.  

En concreto, os concellos con maior número de hectáreas queimadas ao longo deste quince anos  foron  Manzaneda e Viana do Bolo,  en Ourense,  con 10.607,0  e  8.320,5  hectáreas  respectivamente, seguidos por Cerdedo, en Pontevedra, con 8.206,2. “Nun intento de perfilar as causas da concentración de incendios nun lugar ou outro se observa que os lugares máis afectados posúen  as  maiores  extensións  de monte de toda Galicia”, suliña o estudo. Ademais, a  maior  parte  do terreo forestal está composta de montes de titularidade pública, algúns deles declarados de utilidade pública, e montes veciñais  en man común.  

OS QUE MENOS ARDEN

Por outra banda, os municipios con menor  número  de hectáreas  queimadas  durante  este quince  anos foron Mugardos na Coruña, con 3,3 hectáreas, Barreiros en Lugo, con 4,4, e Cabanas na Coruña con 4,3.  E que teñen estes concellos para ser onde menos arde de Galicia?. Segundo esta investigación, todos eles están nas provincias  do  norte  de Galicia,  dispoñen  de menos hectáreas forestais en comparación cos municipios máis afectados, e por último, a provincia de Lugo conta  coa maior superficie  forestal xestionada  para  produtos  madeireiros.

Nos quince anos analizados os cociente medio obtido en Galicia foi de 4,3 hectáreas por incendio. Os  municipios  de Ourense  e  Pontevedra  son  os  que  presentan  o cociente  medio máis alto, con 4,7   e  4,6 hectáreas,  respectivamente, seguidos pola Coruña e Lugo con 4,0 e 3,8 hectáreas, respectivamente. O distrito 6 de Verín-Viana  e  o de Valdeorras-Trives,  ambos  na provincia  de Ourense,  ocupan  os  lugares  un e dous  respectivamente.

O  municipio  onde  o  cociente  alcanza  un  valor  máis  elevado ao longo destes quince anos foi en Cerdedo (37,5), en Pontevedra, seguido por Ribeira de Piguín  (32,3),  en Lugo,  e  A Capela  (30,2)  na Coruña. Pola contra, os municipios onde menor cociente houbo durante este quince anos foron Cambados (0,15) en Pontevedra, Mugardos (0,15) na Coruña e Barreiros (0,18) en Lugo.

NOVAS TENDENCIAS

A tendencia de concentración dos incendios forestais no interior de Galicia rompeu no  ano 2006.  O  lume  pasou  de zonas  rurais  ás máis  poboadas  e  do  interior  á costa.  O cambio de situación dos incendios e a súa proximidade aos centros de poboación colapsaron os servizos de extinción provocando a alerta social e unha imaxe caótica en Galicia. Unha situación que se repetiu na vaga de incendios do 2017 na área metropolitana de Vigo que non foi obxecto de estudo neste traballo.

Mapa das zonas con máis incidencia de lume en tempada de verán
Mapa das zonas con máis incidencia de lume en tempada de verán | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xaquin

O último mapa que podes, é un mapa IRDI, indice de risco diario de incendios, e utilízase para ver o posible risco de lume; non quere decir que nesas zonas haxa máis ou menos cantidade de incendios; se non que cumple con todos os factores para que se produzan con máis facilidade.