A función social da propiedade

O pasado mes de Abril, transcendía unha nova relevante para a vida de Compostela: o histórico café Derby pechaba as súas portas, despois dunha intensa vida de varias décadas, por mor da xubilación da persoa que rexía a administración diaria deste simbólico establecemento.

Por Xesús Veiga | Santiago de Compostela | 27/08/2020

Comparte esta noticia

A partir dese momento, sucedéronse os comentarios sobre o importante papel desempeñado polo Derby como lugar de encontro das elites culturais galegas durante o pasado século e a consecuente preocupación pola eventual desaparición definitiva de semellante referente.
 
Hai poucos días sóubose que os propietarios do local ofrecen o aluguer do mesmo a cambio dunha renda mensual de 5.500 euros. Seguramente sen pretendelo, esta circunstancia suscita unha interrogante desacougante: estamos no terreo dunha anécdota particular ou podemos falar dun exemplo categórico dos serios problemas que se prantexan no ámbito dos negocios de hostalaría e do comercio no contexto da actual situación de grave crise económica derivada da pandemia?
 
Non está en causa o recoñecemento legal do dereito de propiedade. Tampouco se trata ignorar o funcionamento da lóxica mercantil e a súa capacidade para contrarrestar as pretensións que formulen os oferentes coas propostas que sexan quen de formular os eventuais demandantes. O que se coloca enriba da mesa con este caso -e con outros acontecidos durante as semanas de duración do estado de alarma- é a existencia -ou non- do esixíbel criterio de responsabilidade social ás persoas físicas ou xurídicas que participan nas relacións económicas. As autoridades políticas e sanitarias afirman, habitualmente, que o éxito na loita contra a pandemia require -ademais do cumprimento da normativa legal vixente- un compromiso activo da cidadanía con aqueles códigos de conduta que resulten funcionais para neutralizar os efectos mais nocivos do virus. Por que non incorporar a esta lóxica de comportamento as prácticas dos propietarios de locais á hora de fixar os prezos dos alugueres para o uso habitacional ou produtivo dos mesmos?
 
Os impactos da crise sanitaria na vida económica van ter unha duración prolongada. Semellante feito vai requirir cambios significativos nas políticas gobernamentais e no contido das regulacións mais tamén sería preciso promover novos criterios na actuación dos distintos actores que participan no escenario. Xa que logo, non ten sentido que alguén utilice o dereito de propiedade para pedir alugueres astronómicos. Hai algo que se chama función social da propiedade. E que por certo figura no actual texto constitucional.

 

Dous locais de hostalaría da praza de Vigo que pechan
Dous locais de hostalaría da praza de Vigo que pechan | Fonte: CAFETERIAS HERCULINAS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.