Por Europa Press / Redacción | Lugo | 07/09/2020 | Actualizada ás 13:03
Os casos activos de coronavirus en residencias de maiores de Galicia subiron ata os 230, tras detectarse 4 novos contaxios nas últimas horas, segundo os datos que fixo públicos este luns a Consellería de Política Social.
Así, notificáronse dous novos usuarios afectados, un residente do centro Laraxe de Cabanas e un da residencia DomusVi de Ferrol. No entanto, o número de usuarios con COVID mantense en 162, xa que o pasado fin de semana faleceron dúas persoas contaxiadas vinculadas con residencias.
O centro do Incio segue sendo o máis afectado, con 81 maiores que teñen COVID; na DomusVi Lugo, situada en Outeiro de Rei, constan 45 casos entre os usuarios; e en Orpea de Culleredo hai 30 residentes afectados. A eles súmanse 4 residentes de DomusVi Lalín, o caso de DomusVi Ferrol e o da residencia Laraxe de Cabanas.
Desde o inicio da pandemia e segundo os datos de Sanidade (actualizados ata última hora deste domingo), do total de falecidos con COVID en Galicia, 662, había 293 persoas vinculadas a centros residenciais (das que 136 faleceron dentro dos propios xeriátricos).
TRABALLADORES DE CENTRO XERIÁTRICOS
Con respecto aos traballadores de centros xeriátricos, Política Social notificou 68 casos de coronavirus, tras dous novos positivos: un empregado de DomusVi de Outeiro de Rei (Lugo) e outro do centro Doral Residencias de Mos (Pontevedra).
O persoal máis afectado é a da residencia do Incio, con 33 casos; seguidos polos 9 de DomusVi en Outeiro de Rei. Na residencia Orpea de Culleredo hai 5 traballadores afectados, e 4 en DomusVi Lalín; mentres que, en Doral Residencias, hai 2 casos entre o persoal.
A todos estes, súmase un caso entre os traballadores de cada un dos seguintes centros: a residencia de Oleiros (A Coruña); DomusVi Coruña en Oleiros; Volta do Castro en Santiago; Vitoria, en Teo (A Coruña); Os Terzos, en Touro (A Coruña); DomusVi de Monforte (Lugo); San Bartolomeu, en Xove (Lugo); Nosa Señora do Socorro, en Arnoia (Ourense); A Saleta, en Cea (Ourense); DomusVi Barra de Miño, en Coles (Ourense); Santiago Apóstolo, en Vilamarín (Ourense); Fogar Residencial de Vilar de Barrio (Ourense); Saraiva Sénior en Pontevedra; CRAPD Vigo II; e Alvi-Beade (Vigo).
Finalmente, Política Social tamén informou dos casos de COVID en centros de atención a persoas con discapacidade. Nestas instalacións non houbo cambios nas últimas horas, e mantéñense dous usuarios afectados (do centro Ricardo Baro de Aspronaga, en Oleiros) e tres traballadores (un de Ricardo Baro, outro da residencia de Aspace na Coruña, e outro do centro da Braña, na Estrada).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.