REACCIÓNS LUMES: Arco Iris dá por "desaparecida" a Serra do Xurés e proporá a UE retirar a condición de parque natural

Amigos da Terra e Sindicato Labrego piden reunir ao Consello Forestal de Galicia.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 15/09/2020 | Actualizada ás 11:03

Comparte esta noticia

A asociación ecoloxista Arco Iris proporá á Unión Europea a retirada da condición de parque natural á Serra do Xurés tras os "repetidos incendios forestais" sucedidos nesta zona ao sur de Ourense, onde este ano se levaron por diante máis de 3.000 hectáreas de monte.

A través dun comunicado, este colectivo asegura que é "necesario revisar" a permanencia desta área limítrofe con Portugal como parque natural, tendo en conta que "as privilexiadas condicións ecolóxicas como cona de transición eurosiberiana-mediterránea", o que motivou esta declaración, "deixaron en gran parte de existir" e deron paso a "un enorme baldío chamuscado".

Á vista de que é "moi razoable dubidar" da súa rexeneración, Arco Iris trasladará á UE unha solicitude formal de retirada da Rede Natura 2000. Despois dos lumes que azoutan ao Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, "tan só cabe a posibilidade de declaralo como zona de catástrofe ambiental" e "redactar un plan de rexeneración a medio e longo prazo".

Ademais, a asociación ecoloxista carga contra a "incapacidade e impotencia dos poderes públicos" para evitar que esta "xoia" natural desaparecese. En concreto, censura á Xunta por ser "incapaz de aprobar un plan de xestión de recursos naturais, obrigatorio por lei". Esta situación, engade, provoca que a impunidade dos incendiarios estea "gaqrantizada". Neste sentido, a asociación Arco Iris critica as declaracións nas que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, deixaba claro que os incendios provocados son "un clásico" en Galicia, co que dá "por feito" a "imposibilidade de acabar con eles".

Incendio de Vilariño de Conso en Ourense
Incendio de Vilariño de Conso en Ourense | Fonte: Europa Press

REUNIÓN URXENTE DO CONSELLO FORESTAL

Amigos da Terra e Sindicato Labrego Galego piden unha reunión urxente do Consello Forestal de Galicia ante a "situación crítica que, da mesma maneira que acontece todos os anos, estamos a vivir cos lumes forestais agora mesmo". A intención deste encontro sería consensuar e tentar buscar solucións a este probelma e enfrontar a destrución que están a causar os incendios dos montes e ecosistemas galegos, tanto no que queda de 2020 como nos vindeiros anos.

Amigos da Terra e Sindicato labrego Galego, xunto con outras organizacións sociais, lembran que levan anos alertando sobre a problemática dos lumes forestais e facendo propostas para mellorar o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, así como para revisar as políticas forestais aplicadas no país. "Vimos denunciando reiteradamente que o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) actual non serve, como tampouco vale o procedemento para o seu trámite a través dos consellos consultivos", aseguran.

De feito, no escrito presentado, deixan constancia dunha longa lista de eivas dun Pladiga, din, "que se segue impoñendo unilateralmente dende a Xunta e que segue inmerso nunha espiral de incendios e máis incendios na que non se fai nada por saír ou buscar alternativas".  Ademais das causas obxectivas dos lumes, estas entidades destacan as políticas de desmantelamento que está a sufrir o medio rural, "favorecéndose o abandono das actividades agrarias e gandeiras que son fundamentais para a xestión do territorio, consentíndose o monocultivo masivo e anárquico de especies forestais pirófilas como o eucalipto, incidindo nun despoboamento e desertización que deixan amplas zonas do noso país inzadas de materia combustible e sen xente que contribúa á loita contra o lume".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Cristal A.

Que gran razón.Es que no hay en Galicia mentes claras que xestionen y crean un programa real y efectivo contra los incendios.A veces siento vergüenza de decir que soy gallega porque me averguenzan los paisanos que hacen estás barbaridades.Prision sin fianza para los incendiarios y embargo de sus vienes

1 dende o río

Onde está o Feijóo con cmisa branca e zapato fino coa súa mangueira??