A presidenta da Deputación de Pontevedra critica a escasa presenza de mulleres no Foro da Toxa

Na programación deste evento están anunciados 29 homes e 4 mulleres como relatoras. Como moderadores só hai homes do mesmo xeito que nos actos de inauguración e de clausura. En total, 44 homes fronte a 4 mulleres. "Isto non é tolerable", criticou a presidenta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/10/2020 | Actualizada ás 17:23

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mostrou a súa "desconformidade" coa escasa presenza de mulleres no cadro de persoal de relatores do II Foro A Toxa, que durante tres días reúne a políticos e empresarios para reflexionar sobre como afrontar a reconstrución ante o impacto da crise sanitaria.

"Hai datos que nos retrotraen ao século XVIII en relación á presenza das mulleres na achega de ideas, de proxectos e de propostas", dixo Carmela Silva nunha rolda de prensa celebrada este venres no Pazo Provincial.

Na programación deste evento están anunciados 29 homes e 4 mulleres como relatoras. Como moderadores só hai homes do mesmo xeito que nos actos de inauguración e de clausura. En total, 44 homes fronte a 4 mulleres. "Isto non é tolerable", criticou a presidenta.

Carmela Silva lembrou que, a día de hoxe, "o 54% das persoas universitarias somos mulleres" e que hai expertas recoñecidas a nivel internacional en economía, innovación, ciencia, política "ou no mundo da empresa".

A presidenta da Deputación de Pontevedra cre que neste foro falta "a mirada e as ideas de quen representa ao 52% da poboación" e, especialmente, segundo sinalou, "cando somos nós as mulleres as que estamos a facer fronte ás consecuencias da pandemia". E engadiu "quen está a atender á poboación a nivel sanitario?" ou na educación ou os servizos esenciais, respondendo a continuación: "as mulleres".

"De verdade nós non temos mentes intelixentes que teñan algo que expor?", dixo Carmela Silva, que citou como exemplo á chanceler alemá Ángela Merkel como responsable de "todas as decisións importantes que se están tomando na Unión Europea".

O Foro A Toxa é un evento de tres xornadas de debate e reflexión, organizado por Amancio López Seijas, presidente de Grupo Hotusa, e Josep Piqué, á fronte do Foro. A eles remitiralles unha carta de protesta a presidenta da Deputación de Pontevedra para expresar o seu desacordo "e solicitar que isto non volva ocorrer". Ademais, tratará de trasladar esta queixa persoalmente durante o acto de clausura.

Carmela Silva expresou a súa convicción de que esta ausencia de mulleres non se repetirá en futuras edicións deste foro. "Non hai reconstrución sen nós, non hai futuro sen nós", sentenciou.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

OCUPACIÓN TURÍSTICA

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer os datos do Observatorio de Turismo na provincia, que situaron a ocupación hoteleira en setembro nunha porcentaxe do 30%, entre cinco e dez puntos superiores ao estimado.

"Certamente os datos foron inferiores ao ano pasado, algo obvio porque vivimos nunha pandemia, pero os resultados volveron ser os mellores de Galicia para este mes de setembro, e sitúan á provincia de Pontevedra entre os destinos máis atractivos do Estado".

A comarca do Salnés tivo unha ocupación en establecementos hoteleiros do 28,2%, cun 28% en localidades como O Grove e do 31,4% en Sanxenxo. No caso da comarca de Pontevedra, a porcentaxe situouse no 32%, ascendendo ao 34% na cidade; a comarca do Morrazo tivo unha ocupación do 36%; a de Vigo chegou ao 37,3%, conseguindo o 40% na cidade olívica e o 32,4% en Baiona.

A comarca de O Baixo Miño estivo no 32%, O Condado e da Paradanta conseguiron o 22% e as de Deza e Terra de Montes chegaron ao 24,4%. No que respecta ao turismo rural, a media provincial en setembro foi do 31%, neste caso, tal e como explicou a presidenta, un punto superior ao esperado.

Nestes establecementos, O Salnés conseguiu unha ocupación do 34,5%, con porcentaxes do 48,3% en vilas como Sanxenxo; a comarca de Pontevedra chegou ao 23%; O Morrazo rexistrou un 48,3%; a comarca de Caldas chegou ao 43%; a comarca de Vigo un 20%; O Baixo Miño tivo unha ocupación do 30%; as comarcas do Condado e da Paradanta o 31,5% e as de Deza e Terra de Montes un 15%.

Pola súa banda os cámpings tiveron unha ocupación media provincial en setembro foi do 30% e no que alcanza aos albergues foi do 9,2%, chegando ao 50% en concellos como Baiona e ao 25% en Pontevedra.

En canto as vivendas turísticas conseguiron no mes de setembro unha ocupación similar ao mes de xullo cunha porcentaxe do 68%, chegando ao 80% durante a primeira semana do mes, ao 74% na primeira quincena e ao 63% na segunda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Será capaz de ir a meter a zoca á sesión de clausura do Foro para sair nas redes sociais como a gran feminista de salón que é ? Se tivera algo que dicir seguramente xa estaría invitada, pero neste Foro seica aínda non teñen pasarelas para lucir os "modelitos" da Carmela Silva ... para iso xa ten as súas sesións de TerraCeo que pagamos todos ! Temos unha pregunta pendente no ForoLaToja2020 que igual é do interés de Carmela ! https://twitter.com/00Gamela/status...