Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/11/2024 | Actualizada ás 19:23
O Parlamento de Galicia aprobou este mércores, co voto a favor do PP e a abstención de BNG e PSdeG, unha iniciativa do Grupo Popular para demandar ao Goberno de España que manteña a presenza da Garda Civil en todos os cuarteis de Galicia, estudar a posibilidade de reabrir os clausurados nos últimos anos, e dotalos de máis medios para garantir unha atención presencial as 24 horas do día.
A proposición non de lei, ademais, reclama executar un plan integral destinado á construción, renovación, mellora e ampliación dos acuartelamentos da Garda Civil no medio rural galego; crear os instrumentos e protocolos, negociados cos concellos, para que de forma práctica e efectiva se incremente a cooperación da Garda Civil coa Policía Local; e reforzar de forma urxente, con medios materiais e humanos, os postos do instituto armado en todas as zonas que carecen de Policía Local.
Ademais, pide ocupar a totalidade de prazas que aparecen definidas no catálogo de postos de traballo das distintas provincias galegas e que están vacantes na actualidade, elaborando incentivos profesionais e económicos para que laxa axentes queiran ocupar os postos de baixa demanda no medio rural.
A iniciativa, da que informou o PPdeG nun comunicado, foi defendida pola viceportavoz popular, Paula Prado, quen asegurou que nun contexto no que Galicia se incrementan delitos como as agresións sexuais con penetración, os roubos con intimidación e os roubos con forza, "o lóxico sería que o Goberno central garantise unha presenza permanente dos efectivos das forzas de seguridade as 24 horas do día, os 365 días do ano en todo o territorio".
Na sesión, así mesmo, foi aprobada por unanimidade outra proposición non de lei, tamén defendida polo PPdeG, que instaba á Xunta de Galicia a continuar impulsando a formación das forzas e corpos de seguridade en materia de espectáculos e de seguridade en grandes eventos a través da Academia Galega de Seguridade Pública.
Neste caso, conforme indicou o PP noutro comunicado, o texto foi defendido pola deputada popular Felisa Rodríguez, quen sostivo que "garantir a seguridade durante a celebración de grandes eventos debe ser a máxima que guía a actuación das administracións públicas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.