Caride di que a Xunta do PP quixo beneficiar a unha empresa coa adxudicación das obras do Cunqueiro

A exconselleira afirma que o bipartito "analizou todas as opcións", pero que o ía a financiar a través da Sociedade Pública de Investimentos

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/11/2024 | Actualizada ás 21:11

Comparte esta noticia

María José Caride, conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes da Xunta que presidiu Emilio Pérez Touriño entre 2005 e 2009, foi este mércores a primeira responsable do bipartito en comparecer na comisión de investigación do Parlamento galego que avalía, entre outros asuntos, o modelo concesional empregado para construír o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Así, Caride defendeu nesta terceira xornada os traballos que realizou o Goberno de PSdeG e BNG naqueles case catro anos e asegurou que, coa volta do PP á Xunta en 2009, da man de Alberto Núñez Feijóo, optouse por un modelo de concesión de obras públicas "para mellorar a viabilidade económica financeira do posible adxudicatario".

Isto, engadiu, supuxo "esposar" á Administración autonómica "durante 20 anos" a unha empresa, neste caso unha UTE composta por cinco entidades que xestionará o hospital ata 2035 a cambio dun canon anual. Segundo sostivo durante o debate, o bipartito ía levantar a infraestrutura a través da Sociedade Pública de Investimentos (SPI).

Caride, agora concelleira socialista do goberno de Vigo, tamén cre que a Xunta de Feijóo "obviou" realizar un estudo de viabilidade completo, tal e como reprochou o Consello de Contas, para poder levar a cabo "unha fórmula que tiñan predefinida". Esta foi a concesión de obra pública da que Contas sinala que tivo "un sobrecusto de 470 millóns de euros", en palabras da exconselleira, e que polo camiño deixouse "o 30 por cento das camas e o 20 por cento do volume útil" proxectado.

FRAGA NON DEIXOU "NINGÚN PROXECTO" INICIADO

A exresponsable de Obras Públicas lembrou que xa en 2004, aínda co goberno de Manuel Fraga, o Hospital Xeral presentaba deficiencias e "non existía ningún proxecto" para levantar o Álvaro Cunqueiro. Caride rememorou que, cando arrincou o goberno de Touriño, a nova conselleira de Sanidade, María Xosé Rubio, atopouse con "325 millóns de euros de facturas escondidas nos caixóns" e, aínda así, empezou a "analizar alternativas" tras constatar os "problemas estruturais severos" do Xeral.

Entón, o novo plan funcional proxectou "o hospital de referencia" de Vigo con máis de 2.000 camas --agora hai unhas 1.400--, por "a evolución da poboación" da área e para que o peso relativo do concerto con Povisa "fose descendendo". Tamén explicou Caride que o bipartito non herdou de Fraga "ningún inicio de ningún proxecto de ningún tipo". O único que houbo, admitiu, era unha fórmula "inmensamente larga" pola que o Concello de Vigo tiña que desenvolver sete chans urbanizables.

Por tanto, o goberno de Touriño optou por axilizar a dispoñibilidade das parcelas a través dun proxecto sectorial de incidencia supramunicipal. Así, adxudicouse un concurso de ideas en 2007 e nos orzamentos autonómicos de 2009 "aparecían 11,5 millóns para o pago de expropiacións".

"PUXO Os PUNTOS SOBRE As ÍES"

Por parte do BNG, Montse Prado agradeceulle que aclarase "o que fixo o bipartito", porque a "liña argumental" do PP na comisión baseouse en dicir que "non deixaran nada feito". Desde o PSdeG, Patricia Iglesiaas destacou como Caride "puxo os puntos sobre as íes" nesta cuestión para confirmar que o bipartito fixo "todo o traballo" desde "o corazón público".

En fronte, o popular Roberto Rodríguez lembrou que unha das últimas reunións do Consello da Xunta de Fraga, semanas antes das eleccións do 2005 nas que perdeu a maioría absoluta, aprobou unha autorización de gasto para redactar o programa funcional e o proxecto básico de execución.

XEFE DE PNEUMOLOGÍA DE VIGO

Tamén compareceu este mércores na comisión o xefe de Pneumología de Vigo desde 2010, Alberto Fernández Villar, quen subliñou que o hospital supuxo "un punto de inflexión" para a área sanitaria non só desde o punto de vista asistencial, senón tamén da docencia e a investigación.

María José Caride, conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do bipartito que dirixiu Emilio Pérez Touriño de 2005 a 2009.
María José Caride, conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do bipartito que dirixiu Emilio Pérez Touriño de 2005 a 2009. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta