Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 01/11/2020 | Actualizada ás 18:20
A familia Baltar --non a da Deputación de Ourense-- atesoura un sorprendente patrimonio cultural e humano. Atraído polo insólito perfil dalgún dos seus membros, o escritor Suso de Toro realiza unha indagación para reconstruír a historia desta familia que, en distintos momentos da historia galega, protexeu a Rosalía de Castro e Murguía e logo á familia Castelao ou a Dieste.
Novamente é Edicións Xerais de Galicia --Galaxia hai tempo que abandonou o obxectivo co que foi creada en plena Ditadura e coa chegada do seu novo director xeral, Francisco Castro, navega por un mar incerto- a que está na vangarda da publicación de partes da nosa historia e da nosa cultura dignas de ser lembradas e contadas. E, desta vez é o escritor Suso de Toro o que, logo dun fondo traballo de documentación, ofrece unha novela que navega entre a historia e a psicoloxía para recuperar a figura dunha familia que é todo un símbolo da resistencia cultural de Galicia.
"A figura dese Baltar lémbranos, desde a penumbra, que ademais da aceptación da derrota e da pura supervivencia dos vencidos, tamén houbo resistencia e disidencia. Esta é unha memorable novela de non ficción que demostra que existiu unha outra Galicia vital, alegre e afirmativa, moi distinta da que nos contaron", apuntan desde Xerais.
Suso de Toro abriu unha páxina no Facebook na que desvela moitos aspectos gráficos e de contido da novela. Máis información en Xerais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.