Diabetes, obesidade e sobrepeso agravan a evolución de pacientes con covid, segundo o Chuac

Daniel Albero é o primeiro piloto con diabetes que disputou o Rally Dakar monitorizado por profesionais do Sergas.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 05/11/2020 | Actualizada ás 11:44

Comparte esta noticia

O xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luís Verde, alertou de que a diabetes, así como a obesidade e, "nalgunha medida", o sobrepeso, agravan "de maneira importante" a evolución dos pacientes de coronavirus. "Non teñen especial predisposición a padecela, pero si afecta á importancia das complicacións", explicou.

Na presentación do evento Diabetes Evolution, Verde explicou que detectaron tanto no ámbito hospitalario como en Atención Primaria que esta enfermidade empeora a infección de Covid-19. Á marxe desta situación, o xerente da área sanitaria sinalou que a diabetes é un problema de "máxima importancia" que "ocupa e preocupa" nos servizos de saúde.

O presidente da Sociedade Galega de Endrocrinoloxía, Nutrición e Metabolismo (SGENM), Antonio Gippini, sinalou que en Galicia hai ao redor 300.0000 persoas afectadas por diabetes tipo 2 e obesidade e advertiu de que a primeira é consecuencia da segunda. "Pódese evitar; obtense co esforzo de facer as cousas mal durante moitos anos", evidenciou, apostando por "educación, dieta, exercicio e bos hábitos" para non desenvolvela.

O representante da entidade tamén denunciou o aumento da desinformación entre os pacientes. "O noso traballo máis que nada se dedica a extraer unha desinformación da mente dos nosos pacientes e tratar de inculcar a información real", lamentou, destacando o "complicado" que é para os médicos.

RALLY DAKAR

Con respecto á tecnoloxía e avances médicos, estes céntranse máis, dixo o experto, na diabetes tipo 1. Para demostralo, participou na presentación Daniel Albero, que é o primeiro piloto con esta enfermidade que disputou o Rally Dakar. "Este ano conseguirei acabalo, imos chegar á meta", subliñou.

Na pasada edición da competición de motor, o piloto estivo monitorado pola xefa de Servizo de Endocrinoloxía do CHUAC, Teresa Martínez, e este ano, tras a experiencia, considera que a superará. "Non é unha competición fácil; ten situacións extremas: por horas, temperatura, percorrido", sinalou.".

Unha muller con problema de obesidade
Unha muller con problema de obesidade | Fonte: Wikimedia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta