Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/11/2020 | Actualizada ás 14:11
O anteproxecto de orzamentos da Cámara galega, que alcanza os 18,6 millóns de euros, conxela as retribucións dos deputados para o próximo ano 2021, pero non os reduce, de forma que se mantén o réxime retributivo que se actualizou en xullo de 2019 e que seguiu vixente o presente exercicio.
Deste xeito, os parlamentarios galegos seguirán tendo unha asignación fixa (2.067,13 euros ao mes) e outra en concepto de dietas (2.587,39 euros ao mes) para afrontar os gastos de aloxamento e manutención que orixine a súa actividade parlamentaria. A suma destes dous conceptos é igual para todos os parlamentarios polo que o soldo base é de 55.746,24 euros brutos ao ano.
COMPLEMENTOS
Á marxe destas percepcións salariais ou de dietas, os deputados teñen distintos complementos polo desempeño das súas funcións, as cales, en todo caso, son incompatibles entre si. É dicir, se un parlamentario é presidente dunha comisión e vicepresidente doutro, só cobrará un dos complementos polo desempeño da responsabilidade.
Neste caso, o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, percibe un complemento de 1.558,51 euros ao mes por ser membro da Mesa --o cal tamén reciben os outros dous vicepresidentes, a secretaria e a vicesecretaria----; 1.878,02 por gastos de representación e 964,39 por gastos de libre disposición. No caso dos outros catro membros da mesa son complementos de 1.165,06 e 511,40 polos mencionados conceptos, respectivamente.
Desta forma, as percepcións do presidente do Parlamento ascenden a 9.055,44 --á marxe doutra calquera indemnización por locomoción--, que por 12 mensualidades totaliza 108.665,28 euros. No caso dos demais membros da mesa, suman 7.889,49 euros mensuais --94.673,88 en 12 meses--.
Os portavoces dos grupos perciben 580,65 euros por representación e 389,64 por gastos de libre disposición que se suman ao 'soldo base'; mentres que os viceportavoces teñen un complemento de 496,15 euros, a mesma contía que reciben os presidentes de comisións. Finalmente, os demais cargos dunha comisión reciben 298,87 euros de complemento.
ACHEGAS Aos GRUPOS
Doutra banda, o Parlamento autonómico paga ao mes 9.971,79 euros a cada grupo de forma fixa; 1.837,01 euros por cada deputado, ao mes; e 5.898,56 euros ao mes a cada grupo en concepto de subvención finalista --para contratos de persoal, por exemplo--.
Desde o 7 de agosto ata que termine 2020, o PPdeG cobrará, en total e cos seus 42 deputados, 447.119,06 euros; o BNG (19 deputados), 244.040,56 euros; e o PSdeG (14 deputados), 199.893,06 euros, tal e como figura na táboa da web de Transparencia, recollida por Europa Press, xa actualizada.
DOCUMENTO
O documento, que se aproba conxuntamente cos orzamentos da Xunta, recibiu luz verde na reunión deste martes pola Mesa do Parlamento. Tamén se mantén o réxime económico fixado a principios de XI Lexislatura para os grupos e deputados.
Concretamente, segundo informou o Parlamento de Galicia, o anteproxecto de orzamentos --remitido agora á Xunta-- alcanza un orzamento de 18.612.000 euros, o que supón un incremento do 0,97 por cento respecto dos de 2020, un total de 178.500 euros. As retribucións do persoal subirán un 0,9 por cento, o mesmo fixado polo Goberno central para os empregados públicos no proxecto de orzamentos xerais do Estado para 2021.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.