Buscan a unha anciá de 88 anos desaparecida en Amoeiro

A muller é moi delgada, mide 1,50 metros, ten ollos verdes e pelo longo e branco.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/11/2020 | Actualizada ás 09:48

Comparte esta noticia

A Garda Civil mantén activado un dispositivo de procura para dar con María del Carmen Rodríguez Almansa, unha anciá de 88 anos veciña de Cimadevila, no municipio de Amoeiro, que leva desaparecida desde este xoves.

Segundo informa o Instituto Armado, foi unha empregada dos servizos sociais municipais quen, sobre as 12,00 horas do mediodía, chegou á vivenda e deu o aviso de que a muller non se atopaba alí. A última persoa que a viu foi o seu único fillo, que estivo con ela o mércores sobre as 22,00 da noite.

Tras a voz de alarma da asistenta, o persoal do Concello de Amoeiro púxose en contacto coa central do 112 Galicia para informar da desaparición da muller e pedir colaboración. Así, este servizo de emerxencias deu conta da situación á Garda Civil para que activase o operativo no que interveñen tamén Protección Civil desta localidade e doutras lindeiras, como Coles, Vilamarín e a Mancomunidade do Ribeiro.

A octoxenaria, de acordo coa descrición achegada pola Garda Civil, padece unha deterioración cognitiva, é moi delgada, mide 1,50 metros, ten ollos verdes e pelo longo e branco.

O dispositivo de procura arrincou este xoves sobre as 15,00 da tarde e continúa durante a xornada deste venres pola zona de Cimadevila, parroquia de Trasalba, coa colaboración de veciños e asociacións do municipio.

Ademais, incorporáronse aos labores de procura un equipo de drones do 112 Galicia, os bombeiros do Carballiño e brigadas da Consellería de Medio Rural da contorna.

Pola súa banda, o Concello de Amoeiro, desde o seu perfil de Facebook, reclamou que se alguén ten información que poida axudar contacte coa Garda Civil ou co 112.

María del Carmen Rodríguez Almansa, muller de 88 anos desaparecida en Amoeiro (Ourense).. CEDIDA POLA FAMILIA
María del Carmen Rodríguez Almansa, muller de 88 anos desaparecida en Amoeiro (Ourense).. CEDIDA POLA FAMILIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta