Laxe mobilízase contra a construción dunha macrogranxa que "podería contaminar" a auga dos veciños

Ecoloxistas denuncian que o proxecto, en trámite de aprobación pola Xunta, podería implicar contaminación de manantiais e ríos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/11/2020 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Novo episodio de mobilización para impedir unha obra potencialmente prexudicial contra o medio ambiente e a calidade de vida en Galicia. Verdegaia vén de lanzar unha alerta contra a construción dunha "macrogranxa" nas proximidades das aldeas de Aprazadoiro --concello de Laxe-- e Señoráns --pertencente a Vimianzo--. Segundo destacan dende a plataforma, hai risco de que a explotación remate contaminando o Río Grande, que atravesa ambas localidades.

Lácteos, leite, vacas. XUNTA - Arquivo
Lácteos, leite, vacas. XUNTA - Arquivo

"Preocupa pola afectación de fauna, flora, patrimonio, paisaxe e veciñanza", explica a plataforma nunha petición de Change.org que acumula máis de 200 apoios. A problemática derivada da explotación iría dende a "contaminación visual"  a "emisións sonoras, cheiros e partículas" que a asociación ecoloxista vencella á "grande dimensión do proxecto", de acordo con datos que, apuntan, constan no informe de Avaliación do Impacto Ambiental.

Este mesmo informe revela que o proxecto, en trámite de aprobación por parte da Xunta, contemplaría a construción dunha fosa séptica "ubicada a menos de 50m do río Gundar", afluente do río Grande. O espazo, que podería abranguer uns 10 millóns de metros cúbicos de xurro, supón un perigo potencial porque, segundo os ecoloxistas, hai posibilidad de que teña lugar unha "lixiviación de silos" que "pode acabar contaminando o solo e o propio cauce do río".

A problemática faise máis grave, se cabe, porque o proceder de limpeza das granxas intensivas como a planeada contemplan prácticas que poderían ser nocivas para os manatiais da contorna, dos que se nutren algunhas das vilas e aldeas alí situadas. "As granxas intensivas empregan sistemas de limpeza nos que se utiliza a auga a presión para o arrastre das dexeccións", explican.

"Este sistema, que nun primeiro momento facilita considerablemente o manexo dos excrementos e achega melloras nas condicións hixiénicas e sanitarias das granxas, ten, pola contra, a enorme desventaxa do gran incremento do consumo de auga e da complicación do manexo do xurro". Segundo destacan os ecoloxistas, "a excesiva achega de esterco provoca que os nitratos se vaian filtrando e terminen contaminando acuíferos e augas superficiais". Polo momento, a petición para paralizar o proxecto leva acumuladas máis de 200 sinaturas das 500 marcadas como obxectivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta