As denuncias de "opacidade" da Xunta: do coronavirus á crise da pataca

As críticas do SLG únense ás de Colexio de Xornalistas, a CIG e as deputacións do PSdG.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/12/2020 | Actualizada ás 08:30

Comparte esta noticia

A transparencia da Xunta de Galicia, en entredito. A derradeira polémica no eido da economía rural galego, relativa á crise da couza da pataca, vén de poñer o foco nun problema arrastrado pola Xunta de Feijóo que nos últimos meses está a xerar duras críticas contra o goberno 'popular'. Nas últimas xornadas foi o Sindicato Labrego Galego o que lanzou críticas contra Medio Rural pola "opacidade" coa que se está a xestionar a peste da pataca.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, este venres en Consello. ANA VARELA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, este venres en Consello. ANA VARELA

Neste aspecto, o Sindicato Labrego Galego celebra o levantamento parcial das restriccións pero lamenta as formas nas que foi desenvolta. Segundo subliñan nun comunicado público, a fin das restriccións pola couza guatemalteca seguiu o "mesmo procedemento" que se tomou na imposición e a prórroga da prohibición, estendida ao longo de catro anos: "a opacidade". 

As críticas do SLG viñeron motivadas porque, de acordo coa formación, non se coñecen que datos motivan a apertura nuns concellos e o mantemento do peche noutros. De igual maneira, o sindicato destaca que descoñecen a "xustificación do emprego do límite municipal (fronte ao parroquial, por exemplo)" á hora de abrir e pechar territorios. Neste aspecto, subliñan a "inexistencia" dunha fonte "transparente" de datos sobre as capturas de couza realizadas. E é que, segundo destacan, a Consellería "non incluíu as organizacións agrarias como lexítimas representantes dos labregos e das labregas afectados".

As denuncias do SLG decorren paralelas ás realizadas nos últimos meses por parte de diversas plataformas e institucións que atacaron á Xunta por unha suposta "ocultación" de datos. Un dos primeiros foi o Colexio de Xornalistas, que manifestou a súa "preocupación" pola "opacidade" coa que a Xunta estaba a xestionar a pandemia a alturas do pasado mes de novembro.

"OPACIDADE" SANITARIA

Neste aspecto, o manexo de datos por parte da Xunta tamén provocou as mostras de rexeitamento de Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra e, máis recentemente, do seu homólogo lucense e compañeiro de partido José Tomé. Cómpre lembrar, neste aspecto, que a Xunta de Galicia non publicaba, nun inicio, os datos desagregados de contaxios por Concellos, sobre os que se baseaba para decretar as restriccións. Nesas mesmas xornadas, La Voz de Galicia comezou a publicar eses mesmos datos, unha circunstancia ante a cal a Xunta non ofreceu explicación algunha. 

As larvas da couza guatemalteca escarvan profundas galerías nas patacas favorecendo que apodrezan
As larvas da couza guatemalteca escarvan profundas galerías nas patacas favorecendo que apodrezan | Fonte: lapatata.es

As críticas ás que se vén de sumar o SLG no seu eido foron tamén compartidas por un bo número de sanitarios galegos aos que GC tivo acceso nas últimas semanas. Estes profesionais denunciaron que o Sergas non estaba a contabilizar nas súas cifras todos os ingresados que estaban a ser atendidos nas UCIs dos diversos hospitais galegos. Novamente, a Xunta gardou silencio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta