Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2020 | Actualizada ás 10:00
Co paso das semanas –e a chegada do frío—os días de Nadal semellan cada vez máis próximos. Aínda o Goberno prevé flexibilizar lixeiramente as restricións á mobilidade, todo apunta a que este serán unhas festas para quedar na casa. E que mellor para os días de choiva que un bo libro en galego? Galicia Confidencial recompila unha serie de obras orixinais, reeditadas e traducidas que poden facer das tardes de inverno unhas horas de máis ledicia.
O catálogo das editoriais galegas para estas semanas veñen cargadas de novidades que abranguen dende a literatura infantil ao ensaio máis reflexivo. Este último é o caso de Prosas de combate e maldicer, o clásico de Xosé Manuel Beiras que Laiovento reedita co gallo do seu décimo aniversario. Nun senso paralelo discorren as reflexións de Xosé Ramón Freixeiro Mato en Lingua Galega: normalidade e conflito, unha obra pensada para analizar a situación da lingua pero con vistas a facer do pensamento teórico un camiño para a recuperación práctica.
Xerais presenta tamén un Nadal cargado de novidades, entre as que destacan o último de título de Manuel Rivas, Zona a defender, unha obra que pretende servir como espazo de reflexión á marxe do ritmo acelerado que arrastra a sociedade do momento. Tamén no eido reflexivo destaca Un señor elegante, a obra coa que Suso de Toro abre a porta a unha reconstrución histórica dunha familia ata agora descoñecida pero con enorme relevancia na historia do país, como xa informou Galicia Confidencial.
Sen saírmos do eido do ensario atopamos o título Simboloxía Máxica en Galicia, no que o mestre da gaita Bieito Romero expón o resultado dunha “longa andaina de centos de quilómetros” na procura e estudo das formas antigas de Galicia. A obra comprende un estudo exhaustivo das múltiples orixes da simboloxía galaica, “simbolismos que son manifestacións fundamentalmente sagradas na súa orixe”. O volume, editado por Baía Edicións, inclúe un CD de Luar na Lubre.
Precisamente é Baía Edicións quen achega máis variedade de idade á oferta cultura galega. A firma presenta obras pensadas para un público infantil, como Nube Branca e o pingüín Valentín ou Feminino singular, en plural ambos os dous aderezados cunha boa dose de material ilustrado. A quenda da literatura adolescente queda atendida cos viaxes no tempo de O espazo de Fóra, unha obra que aproveita “algunhas das teorías máis novidosas da Física moderna”.
TRADUCIÓNS E LIBROS EN GALEGO REINTEGRADO
Para o público adulto que prefira dedicar as festas do Nadal a unha lectura de ficción, a editorial Hugin e Munin presenta unha extensa colección de traducións de obras estranxeiras que, malia ser considerados clásicos nos seus países de orixe, apenas contan con recoñecemento dentro das fronteiras do estado. Tal é o caso de Un home do pobo, do escritor nixeriano Chinua Achebe, ou O forasteiro misterioso, do clásico Mark Twain. Unha aposta pola literatura internacional de calidade máis alá dos títulos evidentes.
Da man de Baía, a achega ao público adulto queda reflectida en Entre Donas, un conxunto de relatos de escritoras galegas actuais que “coinciden en tomar a palabra e falar con voz propia, colocando as mulleres no centro da historia”. O público que prefira a variante ortográfica lusista conta cunha oferta de obras poéticas, narrativas e ensaísticas da man de Através, dende A tribo que conserva o lume, --a última de Teresa Moure—ao mítico Scórpio de Carvalho Calero.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.