Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/12/2020 | Actualizada ás 22:20
Nun 17 de decembro de 1895 nacía Ánxel Casal, figura clave no galeguismo de preguerra e derradeiro alcalde de Santiago de Compostela na Segunda República. A historia de Casal, tinguida dunha aura negra polo seu brutal asasinato a mans dos falanxistas, abrangue pouco máis de 40 anos nos que o intelectual e político coruñés traballou para construír e modelar a loita polo país nos anos de Castelao, Vilar Ponte e Otero Pedrayo.
Aínda que Casal non deixou obra escrita para a memoria, si contou cun papel central no desenvolvemento da novela galega a mans dos seus contemporáneos. En Galicia, a comezos do século XX, a literatura estaba dominada por xeracións de autores epígonos do Rexurdimento que vían na poesía o único vehículo para a lingua. A Xeración Nós propúxose --e conseguiu-- conquistar tamén a narración en prosa, onde fixeron converxer as principais tendencias de finais do século XIX e comezos do XX para demostrar que a lingua galega servía tamén para relatar entornos urbanos e cuestións modernas.
O papel de Casal nesta difusión cultural foi central porque fundou e xestionou as principais editoriais nas que moitos destes volumes --hoxe auténticos clásicos-- viron a luz por primeira vez. A primeira iniciativa arrincou, xunto con Leandro Carré, en 1924 coa fundación de Lar, onde publicaron moitos dos homes da Nós. Precisamente Nós sería o nome da seguinte iniciativa, que serviría como editorial para as primeiras obras de madurez de moitas das sinaturas destes tempos.
Casal faleceu fusilado en Cacheiras logo de ser detido polos fascistas. Alcalde de Santiago dende febreiro do 36, abandonou o cargo no consistorio o 9 de xullo dese ano, a poucos días do golpe dos xenerais sublevados. A noticia da rebelión levouno a retomar o cargo polo seu compromiso coa cidade, un compromiso que acabaría por facilitar a súa captura e morte a man dos falanxistas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.