O BNG esixe o cesamento da conselleira do Mar pola "incapacidade" para defender ao sector

O PP pide "non defraudar" á frota nas negociacións sobre o Brexit, mentres CS alerta de consecuencias "negativas" para Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2020 | Actualizada ás 17:58

Comparte esta noticia

A portavoz de Pesca do BNG, Rosana Pérez, esixiu a dimisión da conselleira do Mar, Rosa Quintana, pola súa "incapacidade" para "defender un sector que leva anos sufrindo a redución sistemática da súa capacidade para pescar".

Tras o acordo da UE que supón un recorte de Totais Admisibles de Captura (TAC) e cotas para a frota galega para 2021, a deputada nacionalista criticou o traballo da conselleira, á vez que pedirá unha comparecencia parlamentaria para que explique "os termos" destas condicións e "o papel do Goberno galego nas negociacións".

Tamén afeou as "intolerables" declaracións de Quintana sobre "eliminar mariñeiros como solución á redución das cotas", segundo reprobou o BNG. Unhas cotas que, segundo sinalou, xa foran recortadas en anos anteriores e que demostran "o escaso peso político" de Galicia en España e na Unión Europea.

Para a formación galega, os recortes dun 5% na pescada, un 20% no linguado, o ollomol e o abadexo e un 7% para o galo, e aos que se suma a redución nun 13% da cota do rape, implicarán que os arrastreiros galegos poidan saír a faenar "moi pouco tempo no ano 2021", "con poucas expectativas de manter a súa actividade normal" o próximo ano. Así, Rosana Pérez tachou de "desastroso" o acordo alcanzado pola Comisión Europea e criticou a "satisfacción" do ministro español de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas.

POSTURA DO PP

Pola súa banda, o eurodeputado popular e membro da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Francisco Millán Mon, participou este venres no debate da Eurocámara sobre as relacións futuras entre a Unión Europea e o Reino Unido, onde pediu "non defraudar ao sector pesqueiro europeo". Quéixase de que a 13 días do final do período de transición tras o Brexit, a pesca sexa "o principal escollo nas negociacións".

"Necesitamos ambición, estabilidade e previsibilidad. Son moitos os empregos e investimentos en xogo. Son moitos os anos que os nosos pescadores levan faenando en augas británicas. Por outra banda, son moitas as toneladas de peixe e marisco que, exportadas do Reino Unido, chegan diariamente aos mercados europeos", lembrou Millán Mon, que lle pediu á Unión que estea "preparada" para calquera "eventualidade", "haxa ou non acordo".

Frota amarrada en Vigo polo temporal. EUROPA PRESS - Arquivo
Frota amarrada en Vigo polo temporal. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Así mesmo, o eurodeputado de Cs e portavoz de pesca da formación, Adrián Vázquez, cargou contra o Goberno central polo fracaso da repartición de cotas pesqueiras e capturas, cuns resultados que cualificou de "extremadamente negativos para España e para Galicia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta