Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/12/2020 | Actualizada ás 17:17
O portavoz do PPdeG no Parlamento de Galicia, Pedro Puy, e o presidente da Cámara, o tamén popular Miguel Santalices, mantiveron unha lea á conta dunha camiseta que portou a portavoz do BNG en materia de enerxía, Noa Presas, no pleno da Cámara.
Por mor de diversas polémicas na lexislatura pasada, a Cámara impulsou unhas normas de "decoro" para o Pazo do Hórreo que, entre outras cuestións, trataban de impedir camisetas que puidesen ser ofensivas para terceiras persoas.
A deputada Noa Presas levou unha camiseta en apoio aos traballadores de Siemens Gamesa (SGRE) que colocou na tribuna. Santalices pediu vela e ela díxolle que "non era nada anticonstitucional".
Despois de observar a camiseta, autorizou a súa colocación, ante as protestas do portavoz do grupo maioritario, ao que el mesmo pertence. Precisamente, e apelando a esa norma, Puy insistiu nun acordo da xunta de portavoces que restrinxía tamén a colocación de carteis ou calquera outro símbolo na tribuna de oradores.
Mentres facía memoria dese acordo, a parlamentaria nacionalista decidiu colocar a prenda e continuar a súa intervención ante as críticas de parte do PP.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.