Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 05/01/2021
Todo camiña segundo o previsto. E si mo permiten, Galicia esmorecendo na tristura dunha sociedade que envellece e perde peso político a nivel de Estado. Quizais o máis salientábel de todo é que, despois de máis de 12 anos no poder, anuncia que queren poñer en marcha o Banco de Terras. Cuestión un tanto curiosa, pois primeiro opuxéronse a el, e despois de moitos anos caen da burra de que é preciso. Outra novidade é que o BNG deixou atrás un tempo pra erguerse como primeira forza da oposición capitaneado por unha muller que, aínda que sae das filas da UPG, parece traer un vento novo.
Se falamos da provincia, nada salientabel hai que ensinar. Máis ben ó contrario, pois, cada ano que pasa, somos menos habitantes e non hai nin un só proxecto político nin empresarial que anime e osixene o estado decadente destas terras do interior; terras que van á cola en todos os índices económicos e sociais desta comunidade e do Estado.
Referíndome ó concello da capital o espectáculo é dramático e ó mesmo tempo vergoñento. Tratarei de explicar as razóns desta afirmación. Dos 27 concelleiros 24 censuran ó alcalde. Mais, pola oposición vergoñenta dos populares, non se pode presentar unha moción de censura, pois esta ten que ir asinada polo menos por 14 concelleiros. Do contrario non é admitida a trámite. E despois das declaracións de Jácome, este señor pensa seguir sentado na cadeira ate o 2023. E nesas estamos. Mentres, paradoxas da política, hai acordo do PP, DO, e PSOE pra repartírense as dedicacións exclusivas e seguir cobrando das arcas públicas.
A institución municipal nunca pasou unha crise semellante; crise que desprestixia á cidade e que dinos que non hai ética nin nada de nada, pois tanto o alcalde como o resto do triunvirato somente están pra cobrar e vivir a vida. E os populares axudan a que unha situación podreza por non deixar que a lista máis votada acceda á alcaldía.
Mentres os cidadáns agardamos que alguén fale do PXOM, do Plan termal, do estado calamitoso dos parques e xardíns, dos servizos caducados, da desaparición da cultura e a banda de música, de que non hai mantemento dos servizos públicos, etc. Eso si, uns poucos maniféstanse con bandeiras contra a lei de educación ou aplauden o manifesto ultra, e pola contra esquecen esta dramática situación do Concello. Menuda panda de aspirantes a representar á cidadanía.
Nada se pode sacar onde nada hai. Onde nin existe un mínimo de dignidade. E a pregunta salta axiña: que pasa nesta cidade onde as chamadas forzas vivas non falan nin se pronuncian con un comunicado público? Ben sei que, coa pandemia, resulta máis complicado mover á xente para esixir solucións. Mais pregunto: os cidadáns temos que aturar que, por mor de intereses partidarios e de non perder o poder, sigamos nesta situación esperpéntica.
En fin, con este panorama tristeiro e sombrizo, afrontaremos un novo ano e esperemos que apareza algunha luz que alume nesta escuridade, pois nunca se pode camiñar sen esperanza. Camiñemos pola vida sen medo e que o 2021 traia mellores novas pra todos.