Moitísimas veces tivemos que botar man deste argumentario para convencer a moitos adegueiros galegos e fabricantes doutros produtos agroalimentarios da idoneidade da lingua galega nas etiquetas. Os prexuízos lingüística están tan arraizados que axiña que venden duascentas botellas a restaurantes madrileños xa teñen a argallada perfecta para xustificaren o razoamento absurdo de etiquetaren en castelán. Sen embargo, enmudecen cando se lles recorda a morea de marcas foráneas que se venden en Galicia en linguas doutros países de oríxe. Velaquí tes a evidencia - dicíalle a un adegueiro sinalando os andeis dun establecemento de vendas- de como vender na lingua propia do País non é ningún atranco para estar en mercados exteriores.
Os consumidores galegos tampouco están libres dese andazo prexuizoso; tanto lles ten un produto coma outro, independentemente da procedencia. Non reparan na trascendencia que ten o seu gasto familiar para a nosa economía e lingua. Non apostan polos produtos galegos, provocando deste xeito a inviabilidade de moitas industrias de transformación e o peche de explotacións agrarias. Priman ós produtos foráneos en desigual competencia cos autóctonos.
Malia eses prexuizos o discurso da galeguidade do Foro E. Peinador, no que fai ó fomento da etiquetaxe no noso idioma nas marcas comerciais, ten acadado aliados valiosos para a nosa lingua: preto de duascentas marcas de viños e licores incorporárono ás etiquetas estimulando o mesmo proceso noutras marcas do sector agroalimentario; o resultado de todo isto foi a creación da Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros (IRGADE) que os quere aglutinar.
O próximo día 6 celebraremos outra nova asemblea da IRGADE na reitoral de Santo André, en Ribadavia, na futura sede do Museo do Viño. O acto comezará ás 12:00 horas e está prevista a incorporación de novos irmandiños, que unidos ós que xa ingresaron o ano pasado fan a estimable cifra de setenta. Presentaremos o novo anuncio publicitario para fomentar o consumo responsable e solidario coas marcas que etiquetan en galego protagonizado por Benigno, o televisivo cociñeiro do programa “Larpeiros”.
Esta nova proposta para estimular a muda dos hábitos dos consumidores inclúe desta volta ós voceiros dos partidos políticos, que están convocados a participar no acto para asinaren a Carta do Consumo Responsable e Solidario como fixeron o ano pasado os sindicatos.
O Día da Patria Galega, data de reafirmación colectiva da galeguidade, debe animar ós que a festexen a faceren súas esta proposta galeguizadora do consumo e da economía, demostrando asi a autenticidade do seu discurso na defensa da nosa identidade. A retórica e as celebracións de ritos ocos de contidos non aportan nada á galeguización de Galicia. Etiquetados en galego, por favor!