Os ingresos en UCI repuntan ata os 193 nunha xornada con máis de 1.400 novos contaxios

Descenden lixeiramente a 1.086 os ingresados noutras unidades e a taxa de positividade cae a un 9%.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/01/2021 | Actualizada ás 11:22

Comparte esta noticia

Os pacientes con Covid-19 hospitalizados en Unidades de Coidados Intensivos (UCI) volveron a incrementarse ata os 193, tras superar este mércores (178) o pico máximo rexistrado en Galicia na primeira onda (177 notificados o 4 de abril), mentres que os contaxios diarios baixaron a 1.468 --uns cen menos que a xornada a anterior--.

Así se reflicte nos datos publicados na mañá deste xoves pola Consellería de Sanidade con rexistros ata as 18,00 horas deste mércores, nos que se observa un lixeiro descenso de pacientes ingresados noutras unidades, que se sitúan en 1.086, o que supón sete menos, mentres que os hospitalizados en UCI aumentan en 15 en Galicia.

A presión en hospitalización descendeu lixeiramente na área sanitaria de Santiago, onde hai un paciente con Covid menos en UCI (35) e sete menos noutras unidades (119). Tamén caen os ingresados con coronavirus no distrito de Vigo, que mantén 23 en UCI e ten 172 noutras unidades --seis menos que a xornada anterior--. Na área de Lugo tamén baixan nun ata os 57 os pacientes noutras unidades con Covid e mantéñense en 15 os ingresados en UCI. Mentres, na de Pontevedra-O Salnés descenden en dúas os hospitalizados noutras unidades (116) e aumentan nun os que se atopan en críticos (17).

O maior incremento de hospitalizados corresponde á área da Coruña e Cee, onde hai 11 pacientes máis con Covid en UCI (59) que a xornada anterior e cinco máis noutras unidades (310). Pola súa banda, na de Ourense mantéñense en 14 os que se atopan en críticos e soben en cinco os ingresados noutras unidades (177). Polo seu lado, o distrito sanitario de Ferrol os pacientes con coronavirus ingresados en UCI increméntanse en catro ata os 30 e descenden nun, ata os 135, os hospitalizados con coronavirus noutras unidades.

CASOS

Os casos activos de Covid-19 en Galicia aumentaron en 320 con respecto á xornada pasada e sitúanse en 21.613, tras experimentar descensos nas áreas de Santiago e Barbanza, que rexistra 3.271 --o que supón 38 menos-- e na de Ourense, que ten 2.968 --doce menos--. Por contra, aumentan nun os casos activos na área sanitaria de Vigo, que rexistra 3.681; mentres que na da Coruña e Cee soben a 5.855; ascenden a 2.154 na de Pontevedra; a 1.978 na de Lugo; e a 1.706 na de Ferrol.

En relación aos contaxios diarios, os detectados con diferentes probas ascenden a 1.468, deles 1.121 confirmados por PCR nas últimas 24 horas. Deste xeito, a cifra de contaxiados aumenta en Galicia a 92.646 en Galicia. Por áreas sanitarias, a da Coruña e Cee rexistra 21.281 contaxiados; a de Vigo ten 17.755; a de Santiago e Barbanza, 15.132; a de Ourense, 12.687; a de Lugo, 9.814; a de Pontevedra-O Salnés, 9.747 e a de Ferrol, 6.230.

FALECIDOS E POSITIVIDADE

Mentres, os falecidos con Covid na pandemia en Galicia aumentan a 1.688 despois de que as autoridades sanitarias informasen este mércores de 29 novas mortes que se rexistraron desde o 22 de xaneiro. Esta cifra supón a segunda máis alta comunicada en toda a pandemia en Galicia. En concreto, o día 3 de abril Sanidade informou de 27 falecementos, un dato que se igualou esta semana con 27 casos comunicados este luns.

No que respecta á taxa de positividade --porcentaxe de infeccións por test PCR realizadas-- este xoves descende a un 9 por cento, tras aumentar a xornada anterior a un 10,8%, polo que seguen por encima do establecido pola OMS para dar por controlada a pandemia, un 5% do que Galicia non baixa desde o 24 de decembro.

Segundo os últimos datos actualizados, as PCR realizadas en toda a Comunidade galega ascenden a 1.370.436 desde o inicio da pandemia, o que supón 12.794 máis que a xornada anterior. Ata a data en Galicia curáronse 69.356 pacientes con Covid-19, o que supón 1.119 persoas máis que as rexistrados ata este mércores.

Persoal sanitario atende un paciente de Covid-19 na UCI do hospital Povisa
Persoal sanitario atende un paciente de Covid-19 na UCI do hospital Povisa | Fonte: Miguel Riopa - Remitida por Povisa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta