Montes en man común, a solución para un futuro verde en Galicia? Estas son as súas deficiencias

Economistas cren consolidado o modelo, pero alertan da “baixa profesionalidade” e da “falta de compromiso” dos comuneiros como parte dun conxunto de problemas que “poden limitar o seu potencial como verdadeiro motor de desenvolvemento e cohesión territorial”.

Por Alberto Quian | Madrid | 04/02/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

“Unha xestión non cualificada, un baixo nivel de interese e compromiso dos comuneiros e un excesivo foco na explotación forestal”. Estas son as principais “deficiencias” da xestión comunitaria dos montes en Galicia que identifica un grupo de economistas das universidades de Santiago de Compostela e Vigo: María Bastida, Miguel Vázquez Taín e Alberto Vaquero García.

Comunidade de montes de Lousada, en Xermade (Lugo)
Comunidade de montes de Lousada, en Xermade (Lugo) | Fonte: Remitida.

Os montes veciñais en man común son un sistema único de tenencia da terra e teñen unha categoría xurídica singular en Galicia. Estes investigadores afirman que “a súa persistencia no tempo demostra que este recurso de propiedade comunitaria superou a «traxedia dos comúns», mostrando a súa capacidade para desenvolver con éxito institucións autónomas” (a ‘traxedia dos comúns’ é un dilema descrito polo biólogo e ecoloxista Garrett Hardin en 1968 no que describe unha situación na que varios pastores, motivados só polo interese persoal e actuando de forma independente, acaban destruíndo por sobreexplotación un recurso compartido limitado, os pastos comúns).

Nesta liña, expoñen que “a persistencia no tempo das comunidades de montes veciñais en man común demostra que os sistemas de produción comunitarios poden desenvolver institucións autónomas”.

Porén, esa solidificación dun xeito comunitario de xestionar o monte en Galicia ten fendas que “revelan un conxunto de ineficacias que poden poñer en perigo as oportunidades forestais comúns para converterse nunha actividade económica sostible”, avisan os economistas, que lamentan que estas fallas “poden limitar o seu potencial como verdadeiro motor de desenvolvemento e cohesión territorial”.

"As comunidades de montes veciñais en man común sofren diferentes deficiencias, como un baixo nivel de xestión profesional, o escaso compromiso dos comuneiros, non hai tradición de asociacionismo e unha capacidade limitada para implementar innovacións e/ou diversificar actividades”, afirman.

“O problema que subxace á falta de eficiencia é que os comuneiros non teñen un sentido real da unidade de produción ou organización da economía social”.

Estes investigadores defenden que “a cuestión principal non é se as comunidades de montes veciñais en man común fallaron debido a unha xestión concreta, senón en que medida poderían ter éxito se implementan outros instrumentos institucionais”. É dicir, como poderían mellorar a xestión dos montes.

Os investigadores son moi críticos cos comuneiros cando din que “o problema que subxace a esta falta de eficiencia é que non teñen un sentido real da unidade de produción ou organización pertencente a economía social”.

Para os expertos, “esta falta de interese tamén debe considerarse á luz do seu papel no lobbying [a capacidade de influír na toma de decisións da Administración Pública]”, en particular, no Consello da Economía Social de Galicia.

E para evidencialo aportan un dato revelador: a Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galcia inclúe a estas organizacións comunais na lista de “entidades que forman parte da economía social en Galicia”. Porén, en 2019 “só había 34 entidades deste tipo” adheridas á causa.

“Isto suxire un baixo interese nestas asociacións, o que pode limitar o desenvolvemento potencial das comunidades de montes veciñais en man común, o cal é imprescindible para defender os seus intereses intrínsecos”, advirten.

Os expertos lembran que o 97,3 % da superficie forestal total de Galicia é privada, unha superficie de case dous millóns de hectáreas, o que representa o 66% do territorio galego, mentres que só o 2 % está xestionada pola administración pública. Desa superficie privada, un terzo está xestionada polas comunidades de montes veciñais en man común. En total, 663.488 hectáreas estaban xestionadas por 3.326 comunidades de veciños en 2019, segundo datos da Consellería de Medio Rural.

“Estas cifras suxiren o importante valor económico, social e ambiental destas organizacións”, resaltan os economistas.

"As zonas rurais non son capaces de ofrecer á poboación unha opción económica atractiva"

Estes analistas consideran que “Galicia se enfronta a un paradoxo: aínda que este territorio ten recursos cun enorme potencial económico, unha parte importante das zonas rurais está subexplotada e experimenta un intenso proceso de deterioro económico e demográfico”.

“Isto”, continúan, “suxire que as zonas rurais non son capaces de ofrecer á poboación unha opción económica atractiva, o cal debe considerarse un dos principais problemas a tratar”.

Canda a este, a “falta de compromiso” dos comuneiros no proxecto común “debe considerarse un segundo gran problema a afrontar”, engaden os economistas, que veñen de presentar as súas achegas na revista científica Land.

Por outro lado, da súa análise tamén extraen que as comunidades de montes veciñais en man común “non só non cumpren os requisitos administrativos, senón que carecen da estrutura básica necesaria para cumprilos e, por extensión, para poder xestionar correctamente os montes comunais”. De feito, subliñan, “só o 59,8%” das comunidades de montes veciñais en man común desempeñaron todas as funcións administrativas en 2019”. Segundo a Consellería de Medio Rural, algo máis do 40 % incumpre esas obrigas “por non comunicar en tempo os reinvestimentos ou por outras causas como a renovación das xuntas reitoras ou censos de comuneiros, entre outras”.

GARANTIR A CONSERVACIÓN DA BIODIVERSIDADE

A relevancia económica, social e medioambiental dos montes comunitarios galegos non é nova para a Academia. En marzo de 2020, un grupo de investigadores da Universitat Autònoma de Barcelona e Universidad Autónoma de Madrid avisou noutro estudo do perigo do abandono dos usos tradicionais para a paisaxe rural, a biodiversidade e a prevención de incendios.

Para estes autores, a xestión comunitaria dos montes é unha tradición en Galicia que “garante a conservación da biodiversidade”. Segundo estes expertos, este modelo é “útil para o mantemento de ecosistemas diversos e de alto valor ecolóxico”, ata o punto de que se demostrou que “o abandono dos sistemas comunitarios tradicionais afecta negativamente a biodiversidade” e “aumenta o risco de incendios”.

É por iso polo que defenden o modelo comunitario como unha garantía para a sustentabilidade dos montes galegos.

De feito, din, comprobouse que “a propiedade tradicional baseada na comunidade se superpón con áreas ricas en biodiversidade”.

“Os veciños puideron xestionar os recursos forestais durante moitas décadas, o que resultou en moitos ecosistemas de alto valor que actualmente se superpoñen con diferentes categorías de protección”, explican os científicos.

Así, atopamos terras en man común en espazos catalogados como Reserva da Biosfera, Monumentos Naturais, Parques Naturais, Área Natural Protexida, Paisaxes Protexidas, Zonas Húmidas Protexidas e Sitios Naturais de Interese Nacional.

"O abandono dos usos tradicionais leva á simplificación e homoxeneización da paisaxe rural, asociado á diminución da biodiversidade e o aumento do risco de incendios”.

En opinión dos expertos, en base ás probas empíricas, a xestión comunitaria dos montes debe preservarse para garantir a saúde das terras, xa que se demostrou que, “a longo prazo, o abandono dos usos tradicionais conduce a unha simplificación e homoxeneización do mosaico da paisaxe rural, asociado a unha diminución da biodiversidade e un aumento do risco de incendios”.

Os datos que manexa a comunidade científica evidencian os beneficios da xestión comunitaria para os hábitats: “Nas áreas xeográficas que mostran unha forte oposición ás políticas de desmantelamento dos bosques comunais e onde os dereitos tradicionais de propiedade comunitaria foron restaurados, atopamos varios casos de superposición entre bosques comunais e áreas de conservación”. Algo que, en opinión destes expertos, “apoia a idea de que o manexo baseado na comunidade pode ser útil para o mantemento de ecosistemas diversos e de alto valor ecolóxico, á vez que permite ás comunidades locais o uso dos recursos naturais”.

MÁIS DE 3.300 MONTES VECIÑAIS EN MAN COMÚN 

En Galicia hai 3.326 montes coa consideración de monte veciñal en man común, que ocupan unha superficie total de 663.488,96 hectáreas, o que fai unha media de 219,48 hectáreas por por monte veciñal en man común, segundo datos do Anuario de Estatística Forestal de Galicia 2019, o último publicado até agora, editado pola Consellería de Medio Rural.

Os datos indican que a provincia de Ourense ten o 41,81 % da superficie total dos montes veciñais en man común, seguida de Lugo co 30,53 %. Estas dúas provincias presentan tamén as maiores superficies medias.

O Distrito Verín-Viana é o que ten maior superficie de montes veciñais en man común, cun total de 93.572,13 hectáreas, e presenta a maior superficie media: 429,23 hectáreas por mancomunidade.

As maiores porcentaxes de comunidades de montes veciñais en man común sitúanse tamén na provincia de Ourense, co 38,17 %, e Lugo, co 30,61 %, mentres que as de Pontevedra representan o 21,89% e as da Coruña só un 9,32% do total.

O número de comuneiros en Galicia é de 118.564 e a media de comuneiros por comunidade de montes é de 40, dende os 78 de media en Pontevedra aos 23 en Lugo. Especialmente alta é no distrtito Vigo-Baixo Miño, con 140 comuneiros de media. As As maiores porcentaxes de comuneiros pertencen aos distritos Caldas-O Salnés e Vigo-Baixo Miño, co 18,87% e 15,64% do total de Galicia, respectivamente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta