Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2021 | Actualizada ás 12:59
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, lembrou este mércores que o Executivo central prevé unha partida de 55 millóns de euros a cargo dos Orzamentos Xerais do Estado para rebaixas nas peaxes galegas.
Nun comunicado, Losada apoiou ademais a decisión do Congreso que, este martes, tomou en consideración a Proposición de Lei do Parlamento de Galicia sobre a transferencia da titularidade e competencias da autoestrada AP-9 á Comunidade Autónoma.
O delegado agradeceu o apoio da maioría dos grupos do Congreso -coa única excepción de Vox- e recalcou que o Executivo de Pedro Sánchez "cumpre unha vez máis con Galicia", ademais de defender que se trataba dun compromiso que asumira en 2018 pero que se viu paralizado pola disolución das Cortes.
Con todo, Javier Losada recoñeceu a súa "preocupación" pola duración da concesión, ata 2048 tras unha prórroga de 25 anos decidida polo Goberno do Partido Popular. Por este motivo, explicou que se prevé unha partida que engloba "dous terzos de todo o gasto do Estado en bonificacións en autoestradas", 55 millóns de euros "para conseguir descontos para as galegas e galegos que utilicen a vía". Losada cualificou o día de "histórico para Galicia" e lembrou que o Goberno é "receptivo" a transferir competencias ás comunidades autónomas debido ao seu espírito "autonomista".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.