Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 16/02/2021
Unha terra que vindo dunha guerra e logo unha ditadura traballaba moitas horas pra fuxir da fame física e moral. Son rapaces que descoñecen que nos anos sesenta e pico do século pasado comezouse a falar do sábado inglés e de ter algúns dereitos laborais. Pois en moitas partes do Estado ate se traballaba ós sábados e domingos. E ise esforzo colectivo fixo que a xeracións posteriores tiveran uns servizos mellores como a sanidade e a educación; mellorara o nivel de vida e, en resumo, tiveramos acceso a moitas cousas que os nosos avós e pais nin soñaban.
E pra entender do que falo soamente hai que escoitar ós nosos maiores. Polo que, aínda que con moitos defectos e carencias, á sociedade de hoxe ofrece moitas oportunidades. Pero as sociedades con servizos bos teñen a fonte de mantemento no esforzo colectivo e no pago de impostos. O demais é un conto pois, sen o esforzo social, nunca pode ser realidade un sociedade como a nosa.
Mais estes aspirantes a novos ricos que gañan cartos a moreas a través das redes sociais, e fano basicamente pola publicidade que anima ó consumismo acrítico; seguindo o camiño de ises grandes patriotas, insignes deportistas, e donos das grandes fortunas, fuxen co seu domicilio para un lugar pequeniño que funciona como se fora un paraíso fiscal. E non se cortan en dicir que “a mi me la suda, o, a mi me la pela” pois consideran inxusto o que pagan ó fisco. E pra xustificarse din que non están dacordo de como se gastan os presupostos do Estado.
Claro, esquecendo que ós traballadores e pensionistas nos reteñen, como mínimo, entre un 20 por cen mensualmente en impostos. Cando eles fuxen pra pagar soamente o 10 por cen. Supoño que iso de levar o domicilio fiscal fora do Estado traerá consecuencias como a perda da seguridade social, o dereito a escolarizar os fillos e moitas cousas máis.
Vivimos un tempo no que, co afán de defender as liberdades individuais, ímonos esquecendo de que as sociedades melloran co esforzo colectivo. De que o que máis ten máis debe aportar ó común. De que, as sociedades melloran cando existe a solidariedade, pois evítanse as rupturas sociais que levan a conflitos políticos que soamente aportan inestabilidade e debilitan a mellora e o progreso social.
En fin, despois de escoitar unha entrevista nun medio a un Youtuber, decateime que estes mozos que fuxen, non se van para Alemania ou calquera estado do resto de Europa, pois alí aínda se pagan máis impostos que en España. Tamén descubrín que descoñecen o pasado, ou fano a posta, non sei. Pois no fondo admiran e seguen os pasos deses persoeiros ós que se lles enche a boca falando de España; que levan moita bandeira na solapa, pero que logo levan os cartos pra onde pagan menos impostos. Ben sei que a ética ten moi pouco valor, pois non dá cartos. Por iso entendo que estes aspirantes a novos ricos, seguen os exemplos dalgúns políticos e autoridades que carecen de principios. E iso é un tristeiro modelo para todos os que cumprimos co deber de pagar relixiosamente os nosos impostos.