Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2021 | Actualizada ás 22:00
O 15 de febreiro de 1977 ameazaba choiva en Cerceda, e as mulleres das Encrobas colleron os paraugas antes de saír ao monte para defender o que era seu. A primeira hora desa mañá fría persoáranse na aldea 200 gardas civís cun obxectivo: conseguir que un representante de Fenosa pisara terra na casa dos veciños. O trámite, ademais de simbólico, era necesario para que a expropiación aprobada por Franco no 74 tivera efecto, e a empresa puidera dispoñer do carbón que xacía baixo as casas.
Os veciños, claro, sabíano, e non estaban dispostos a dar por perdidas as súas casas sen loitar. Máxime cando a eléctrica, ben afeita ás décadas de silencio do franquismo, ofrecera compensacións irrisorias polas terras --apenas 15.000 pesetas por quilómetro cadrado--. Cando comezaron as cargas no monte das Encrobas, os fusís bateron nos paraugas, e o eco metálico do golpe chegou aos despachos de Madrid, como dicindo: "por moito tempo estivemos calados, pero xa non máis".
O resto da historia é historia. No día de hoxe, 44 anos despois da xornada dos paraügas, a central térmica de Meirama é un deses lugares que proban a existencia de distintos tipos de silencio. E o silencio que cae da mastodóntica torre de refrixeración--xa apagada-- é o da incerteza e a néboa. Dende que o pasado mes de xuño a central deixou de rumiar o seu particular zunido, os veciños da aldea da Lousa conteñen a respiración á espera de coñecer que será deles nos próximos meses. As súas esperanzas están postas en que a morte da térmica supoña a “paz” dos rueiros, pero todo apunta que o decorrer dos feitos podería ser outro.
“Estabamos coa ilusión de que iamos quedar cunha aldea normal, limpa, pero resulta que non lles chegou co que nos fixeron”. Maruja da Lousa fala por teléfono dende a súa casa ao pé da central. Como todos os veciños, é coñecedora dos proxectos que Naturgy --antes chamada Fenosa-- prepara para seguir explotando os terreos dos que dispón en Meirama. Ou, polo menos, do que se sabe de tales plans; xa que a compañía garda dende o comezo un rigoroso silencio --outra clase de silencio-- que os veciños tachan directamente de “ocultismo”.
O descoñecemento que pende sobre os tres complexos proxectados en Meirama ten moito que ver coa Xunta de Galicia. O Goberno autonómico, que dende hai décadas mantén boa relación con Naturgy, traballa man a man coa enerxética asentada en Cerceda con vistas a manter a continuidade industrial da zona. O obxectivo? Impulsar propostas ambientais ‘verdes’ que permitan facerse cun anaco das axudas europeas ofrecidas nos fondos Next Generation.
MEIRAMA-BRUXELAS
A relación entre Meirama e Bruxelas é moito máis estreita do que podería semellar nun principio. O peche da central, tan ben recibido polo movemento ecoloxista, veu motivado polas novas regulacións da UE contra as emisións de CO2. Naturgy decidiu que, con esas taxas no horizonte, a mellor solución pasaba por deixar morrer a central e dedicar o orzamento pensado para a súa continuidade a proxectos con máis futuro.
Nesa circunstancia entran os xogo os misteriosos complexos proxectados en Cerceda. Leandro del Río, técnico da plataforma Salvemos a Comarca de Ordes, pon en claro o maremágnum de pequenas e controladas informacións que deixan escapar Xunta e Naturgy. De acordo con del Río, a empresa proxecta crear unha planta de ‘biogás’ nos terreos onde, aínda agora, se sitúa a central; un plan que iría acompañado doutra estación de ‘hidróxeno verde’ que contaría co seu propio parque eólico.
BIOGÁS, HIDRÓXENO E EÓLICOS
“O que máis nos preocupa é a planta de biogás”, apunta directamente del Río. Galicia Confidencial xa recolleu, meses atrás, os reparos dalgún veciños da Lousa a contar cunha instalación destas características a poucos metros das súas casas. As plantas de biogás están deseñadas para producir enerxía a partir da queima de toda clase de residuos orgánicos, que tan só teñen en común o mal cheiro que desprenden: puríns, restos de carne e pescado, etc.
Polo momento, con todo, a planta de biogás non é máis que un proxecto. Tamén estaría en etapa de estudo a instalación de hidróxeno, deseñada para xerar electricidade a partir do lago artificial --o maior do mundo-- que hoxe enche o oco da antiga mina das Encrobas. Este complexo viría acompañado de dous parques eólicos, xa que, para recibir as subvencións europeas --apunta del Río--, “a electricidade da planta ten que vir de enerxías renovables”.
A FEBRE EÓLICA
O TSXG xa invalidou un parque eólico aprobado pola Xunta por procedementos irregulares
Nos últimos meses, a Xunta de Galicia adoptou unha política de man aberta no tocante á implantación de parques eólicos no territorio. Tan aberta que o TSXG tivo que botar atrás un parque de Norvento porque o proxecto fora impulsado valéndose dunha “fragmentación irregular” das instalacións. Esta práctica, pensada para recoller avaliacións ambientais positivas, xa foi sinalada en ducias de proxectos eólicos aprobados pola Xunta por parte do movemento ecoloxista galego.
O problema en Meirama sería outro. Salvemos a Comarca de Ordes apunta que, polo momento, coñécense dous proxectos eólicos pensados para a zona. Un deles iría nos terreos onde hoxe se sitúa a escombreira da Central, é dicir, a escasos metros das poucas vivendas que quedan na Lousa. Do outro aínda non hai datos. “Nós, como todos, sabemos disto pola prensa”, explica Leandro del Río.
O RUMBO DO CONCELLO
Os veciños consideran que a Xunta e Naturgy gardan silencio sobre os proxectos para evitar protestas
Porén, no consistorio aseguran non ser coñecedores de máis detalles dos proxectos. Juan Manuel Rodríguez, que encara o seu segundo ano de mandato, resume esa “falta de concreción” cos termos seguintes: "temos interlocución con Naturgy, pero de momento non se nos achegou un proxecto como tal". Tal e como apunta o rexedor, os proxectos de Xunta e Naturgy continúan cos trámites propios dos convenios de transición xusta do MITECO; aos que o Concello presentou os seus propios plans, "que evidentemente se publicarán", explica o alcalde.
Juan Manuel enfronta a difícil tarefa de marcar o rumbo dun Concello que levaba 25 anos baixo o ollo director de José García Liñares, inhabilitado por prevaricación o pasado ano. Aínda que, como insiste, “todo está no aire”, as novas dos proxectos de Naturgy comezan a prender os ánimos de parte da veciñanza da Lousa. Rodríguez terá que decidir se o Concello pon forza en favor dos veciños ou se prima o desenvolvemento industrial. Polo momento, e ante a falta dun plan concreto, opta por unha postura de equilibrio: “buscaremos que haxa desenvolvemento económico, pero tamén que a empresa cumpra coa súa responsabilidade social. Hai que traballar nesa dirección e mirar pola veciñanza. É o noso traballo"”, responde.
Segundo a asociación, o “ocultismo” practicado pola Xunta e Naturgy chegaría mesmo aos deputados da oposición no Parlamento Galego. “Tentamos falar cos deputados e xa nos dixeron que tampouco tiñan detalles”, apunta del Río. Na Lousa, a impresión é que o silencio das institucións pretende impedir que os veciños se mobilicen. “Preguntámoslle ao alcalde e el di que en concreto non ten nada”, explica Maruja, que engade: “a nós parécenos que algo debería saber”.
“SON O LOBO VESTIDO DE CORDEIRO”
Maruja da Lousa era veciña de Cerceda moito antes de que Liñares chegara á alcaldía, nese distante ano de 1995. Os anos da loita das Encrobas pillárona sendo aínda unha nena. Dende a súa casa ao pé da central, cose as imaxes que máis de 40 anos atrás puido captar pola beira do ollo. “Xente que ía ao monte e viña triste, chorosa, á casa... levamos na guerra dende entón”, resume.
Maruja, calma e comedida, deixa claro que os plans da veciñanza pasan por se mobilizar no caso de que os proxectos sigan avanzando. Neste aldea afeita a loitar teñen moi claro que postura atoparán en Naturgy. “Os mesmos que fai máis de 40 anos destruíron o noso val pretenden seguir destruíndo o noso día a día”, apuntaban nun comunicado semanas atrás. Maruja da Lousa, que recorda ben outro silencio tenso coma este, fai xa catro décadas, suspira nun fío: “agora volvemos empezar”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.