Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2021 | Actualizada ás 09:35
A cooperativa audiovisual Xarda publica na súa canle de Youtube unha reportaxe baixo o título de 'Arinomoude: unha viaxe de compostela a Kumano' na que analízase a relación e as similitudes entre as rutas de peregrinación de Galicia e a de Wakayama.
Esta peza documental conta coa participación de persoas tanto de Galicia como de orixe xaponesa. Así, aparece Itsuko Hori, profesional do turismo afincada en Compostela: "Eu ía de pequena a Kumano e non escoitara falar do kumano kodo. Era un camiño cotián, non é que sexa de peregrinación. Crían que antes de ser Patrimonio da Humanidade tiña que ser un patrimonio local", defende a xaponesa.
Tamén contaron coa colaboracción do historiador e xornalista Antón Pombo que destaca as melloras no Camiño nos últimos anos, mais advirte de que se está a perder o sentido tradicional da peregrinación: "Existe o risco de que se convirta nun obxecto de consumo, nun obxecto de selfie".
Porén, a verdadeira historia da peregrinación de Kumano é contada desde Xapón, con entrevistas a Yamanishi Takeharu, do Centro de Patrimonio da prefectura de Wakayama; Ryoei Takagi, subsacerdote do templo budista de Seigantoji e responsables turísticos como Flavia Ramil de Turismo de Santiago, César Rúa da Oficina do Peregrino e Masanori Okawa do Tourism Bureau de Tanabe (Xapón).
SIMILITUDES DOS CAMIÑOS
Estas rutas teñen varios puntos en común. O primeiro deles é a súa orixe no 1998, convertíndose nas dúas únicas rutas de peregrinaxe que son Patrimonio da Humanidade. Outro punto en común é que na actualidade deben enfrontarse a problemas como son o despoboamento do rural das zonas por onde pasan ou os perigos dunha explotación turística irresponsable.
A nivel audiovisual, podemos ver as similitudes e diferencias do camiño á vez que presenciamos o xeito en que diferentes persoas viven e senten as peregrinacións. Afóndase nas características propias da relixión xaponesa e trátase o ámbito do turismo, "que debe ser sostible e velar polas persoas que viven nas zonas polas que pasan estas rutas históricas", defenden dende a cooperativa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.