Novo "atentado ecolóxico" das eólicas: tentan construír un muíño de vento sobre espazo protexido

Nos últimos meses, os proxectos das empresas eólicas contemplaban parques cada vez máis próximos a zona protexidas do monte galego. O complexo do Monte Chan vai máis lonxe ao deseñar un muíño de vento no interior dunha zona protexida polo seu interese paisaxístico.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/02/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Prosegue a polémica dos eólicos en Galicia. Logo de varios meses de frenética aprobación de proxectos aeroxeneradores, a Xunta de Galicia aprobou hai escasas xornadas unha nova Lei da Paisaxe que, de acordo co movemento ecoloxista galego, servirá para facilitar aínda máis a instalación destes parques sobre o terreo galego. Por iso mesmo, dende este sector non dubidaron en alcumula "Lei de depredación industrial".

Imaxe de arquivo dunha zona boscosa
Imaxe de arquivo dunha zona boscosa | Fonte: Salvemos Catasos

A actualización legal impulsada pola Xunta chega tamén logo dunha tempada de críticas particularmente duras por parte das plataformas verdes de Galicia, que afearon en reiteradas ocasións á Xunta de Galicia a “fragmentación irregular” de algúns dos proxectos aprobados. O TSXG chegou a facer caer a validación a un parque eólico de Norvento por esta razón, sen que tal xurisprudencia se estendera aínda a outros proxectos en tea de xuízo.

O derradeiro caso que vén de recoller as denuncias do movemento ecoloxista galego atópase, unha vez máis, na comarca de Bergantiños. Trataríase do complexo que a empresa EDP Renovables está a proxectar para o Monte Chan, situado na fronteira dos concellos de Laxe e Vimianzo. O proxecto non conta aínda coa luz verde da Xunta, pero a súa saída a consulta pública vén de levantar as protestas de boa parte da veciñanza bergantiñán, así como da plataforma Petón do Lobo.

"ATENTADO ECOLÓXICO"

Estes últimos cualifican o proxecto de “atentado ecolóxico” a razón do seu escaso respecto polas zonas protexidas do territorio galego. Nas últimas semanas, Galicia vén asistindo a unha proxección de eólicos cada vez máis próximos a zonas protexidas polo seu especial valor natural ou paisaxístico. O proxecto do Monte Chan supoñería ir un paso máis alá porque, segundo recolle o documento publicado pola Xunta de Galicia, implicaría instalar un muíño de vento dentro dos límites dunha zona protexida.

Segundo o documento da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, o parque eólico estaría disposto a menos dun quilómetro da zona especial de conservacións (ZEC) e da zona especial de protección de aves (ZEPA) da Costa da Morte. Máis problemático sería o caso desa paisaxe protexida, xa que os muíños pasarían a estar a 185, 90 metros e, xa por último, sobre o propio espazo paisaxístico.

Trataríase dunha torre aeroxeneradora que resultaría disposta no interior dun terreo recollido baixo a “rede galega de espazos protexidos” por mor do seu interese paisaxístico. En concreto, o eólico pasaría a ser instalado sobre a paisaxe protexida de Penedos de Pasarela e Traba. Falta por ver se o complexo proxecto por EDP queda no papel ou, pola contra, se convirte nunha realidade. A Xunta ten a última palabra.

OUTRA PAISAXE PROTEXIDA

Os posibles efectos da implantación eólica sobre Vimianzo e Laxe non quedaría aí. A veciñanza xa se está a mobilizar para impedir que os muíños de vento danen os coñecidos como Penedos de Pasarela e Traba, un enclave declarado paisaxe protexida en 2008 e que, aínda así, podería pasara a contar cun aeroxerador no seu "mesmo corazón". Fronte a esta posibilidade, os veciños bergantiñáns xa comezaron a se mobilizar a través dunha petición en Change.org.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta