Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2021 | Actualizada ás 12:11
O deputado do PSdeG Pablo Arangüena rexistrou unha serie de iniciativas no Parlamento de Galicia para instar á Xunta a "facilitar" as posibles reclamacións de titularidade sobre os bens inmatriculados pola Igrexa católica na Comunidade galega. En declaracións remitidas aos medios este domingo, o socialista pide a posta en marcha de "accións e medidas necesarias" que permitan "impedir a consolidación do dominio ou outros dereitos reais" que fosen rexistrados como propiedade da Igrexa entre 1998 e 2015, por mor da reforma da Lei Hipotecaria levada a cabo polo Goberno de José María Aznar.
Esta modificación legal, tal e como critica Arangüena, permitía que as inmatriculacións foran feitas "sen título material" que as xustificase "ou cando o ben fora de dominio público" e non se puidese declarar como privado. E é que, de acordo cos datos remitidos esta semana ao Congreso polo Executivo estatal, dos case 35.000 bens inmatriculados pola Igrexa en toda España tras a reforma da Lei Hipotecaria, 7.131 corresponden a Galicia, unha cifra que só supera Castela e León.
Así, unha vez esta listaxe foi feita pública, os interesados en reclamar a titularidade dun ben determinado poderán facelo cando estean en desacordo coa declaración de titularidade a favor da Igrexa. Por este motivo, o PSdeG pedirá no Parlamento galego que a Xunta faga "accesible" a relación das inmatriculacións realizadas pola institución eclesiástica.
Non en balde, Pablo Arangüena lembra que os socialistas xa presentaron na pasada lexislatura varias iniciativas para reclamar ao Executivo galego que "impedise a consolidación" do dominio e outros dereitos reais a favor da Igrexa. Trátase, explica, de "evitar situacións nas que as inscricións se fixeran sen título material e previo que as xustificase ou cando o ben, por ser de dominio público, non puidese pasar a titularidade privada".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.