Cruce de acusacións entre BNG e PP polas protestas por Pablo Hasél

Os nacionalistas frustran unha declaración do Parlamento contra a violencia nesas protestas por ser "unha campaña" do PP. Os 'populares' vinculan o veto do Bloque coas súas "alianzas" con "delincuentes condenados" como Otegi e Junqueras.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/02/2021 | Actualizada ás 20:09

Comparte esta noticia

O BNG frustrou a aprobación dunha declaración institucional no Parlamento de Galicia, a iniciativa do PP, para condenar a violencia ocorrida nas protestas tras o encarceramento do rapeiro Pablo Hasél. Os nacionalistas enmarcan este texto nunha "unha campaña orquestrada" polos populares para "criminalizar" á cidadanía.

Protestas nas cidades galegas para pedir 'amnistía' para Pablo Hasél
Protestas nas cidades galegas para pedir 'amnistía' para Pablo Hasél | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press.

En concreto, esta polémica parte dunha proposta de declaración que o PPdeG enviou ao Bloque e ao PSdeG para a súa lectura no pleno da Cámara desta semana, o que precisa a conformidade de todas as forzas políticas.

Neste texto, anunciado o pasado venres en rolda de prensa polo secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, reclámase a "rotunda condena" do Parlamento a estes actos vandálicos.

"As deputadas e deputados do Parlamento de Galicia consideramos absolutamente inaceptable que unha minoría de violentos agrida aos dispositivos policiais, provoque cuantiosas desfeitas materiais e perturbe gravemente a convivencia e seguridade cidadá á que todos temos dereito", versaba a declaración.

Ademais, trasladaba o "apoio" e "recoñecemento" do Lexislativo galego ás forzas e corpos de seguridade do Estado, así como o seu "sincero desexo dunha pronta recuperación" a aqueles efectivos que resultasen feridos nestes episodios.

O texto proposto tamén reafirmaba a "defensa" da separación de poderes e da xustiza, así como o "dereito de todos a convivir en paz e liberdade", fronte a "calquera tipo de violencia ou de manifestación que alente ou xustifique a ruptura" do marco democrático.

"CONDESCENDENCIA" DO BNG CO VANDALISMO

Ante a negativa do principal grupo da oposición, o PPdeG censura que o Bloque "volve demostrar condescendencia cos actos vandálicos e cos graves incidentes" ao longo da última semana.

Así mesmo, os populares, que saúdan a "disposición" do PSdeG a impulsar esta declaración, consideran que este "bloqueo" do BNG está relacionado coas súas "alianzas" con EH Bildu e ERC.

"Os nacionalistas galegos demostran que, ademais de compartir actos con delincuentes condenados como Arnaldo Otegi ou Oriol Junqueras, tamén comparten ideario político e xustifican as manifestacións violentas como resposta ante as decisións xudiciais", lamenta o PP.

O BNG REXEITA "COLABORAR" CUNHA "ESTRATEXIA"

Ante estas críticas, o BNG matiza que si condena "todo tipo de violencia", pero que non vai secundar " unha campaña orquestrada polo PP para criminalizar" á cidadanía "que decide exercer os seus dereitos fundamentais, como o de saír á rúa a manifestarse polas causas que consideren xustas".

Por iso mesmo, a viceportavoz parlamentaria do Bloque, Olalla Rodil, rexeita "colaborar" con esa "estratexia" dos populares "e dos seus aliados da extrema dereita".

Neste sentido, o BNG lamenta a deriva "radical" dun PP galego "cada vez máis mimetizado coa extrema dereita", á que se suma agora esta campaña de "criminalización" da cidadanía.

"Resulta chocante que o PP, o partido condenado por corrupción e ademais aliado da extrema dereita machista, racista, xenófoba e antigalega dedíquese agora a examinar aos galegos e ás galegas de democracia e a repartir títulos de demócratas", engade Rodil.

Non en balde, a viceportavoz parlamentaria tamén pon o foco en que "a pretendida declaración institucional" fose anunciada por Tellado nunha rolda de prensa desde a sede da formación: "Ata ese punto confunde o PP de Feijóo a institución parlamentaria co partido".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta