'FOTO-termos', un concurso para divulgar a terminoloxía en galego de Arte, Historia e Xeografía

Os premios serán de 200, 150 e 100 euros en dúas modalidades: fotos propias e fotos de internet.

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2021 | Actualizada ás 10:40

Comparte esta noticia

A Comisión de Normalización Lingüística (CNL) da Facultade de Xeografía e Historia da USC impulsa 'FOTO-termos', un concurso que ten como obxectivo divulgar a terminoloxía en galego das tres titulacións que se imparten no centro e que xiran entorno á Arte, Historia e Xeografía.

Cartel do certame 'FOTO-termos'
Cartel do certame 'FOTO-termos' | Fonte: USC

Así, a CNL lanzará por Twitter cada día lectivo ata o 15 de xuño o reto de achegar fotos para algún dos tres termos que propoña, un por cada titulación. "Se xa resulta novidoso o concepto do concurso, máis rachante é a canle de participación, unha rede social, Twitter", apuntan dende a organización.

Para participar no certame, que está aberto a todo o alumnado da USC, os participantes deberán responder aos chíos do perfil da Facultade nesta rede, achegando fotografías propias ou tiradas de Internet -coa debida licenza Creative Commons que autorice á súa utilización libre de dereitos- co fin de ilustrar os termos propostos en Twitter.

As persoas participantes poderán achegar tantas imaxes como queiran a cada un deses chíos, se ben cada resposta debe conter unha única imaxe coa súa breve identificación. Igualmente poderán responder a tantos chíos como prefiran. "Deste xeito, ademais de dar a coñecer terminoloxía en galego, estimúlase a creatividade do alumnado", apuntan dende a organización.

Con respecto aos gañadores ou gañadoras do concurso, concederanse tres galardóns de 200, 150 e 100 euros en cada unha das modalidades: fotos propias e fotos de Internet, sempre acompañados de cadanseu diploma acreditativo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta