Os transportistas do carbón desbloquean o acceso á central das Pontes tras o compromiso de Endesa

Alcanzaron un acordo que establece que nos tráficos que xurdan priorizarase a contratación dos antigos transportistas do carbón.

Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 25/03/2021 | Actualizada ás 10:09

Comparte esta noticia

Os integrantes da Asociación de Transportistas do Carbón das Pontes (ATCAP) levantaron a última hora da tarde deste mércores, 24 de marzo, o bloqueo que mantiñan cos seus camións nos accesos á central térmica de Endesa nas Pontes.

Así o decidiron en asemblea tras trasladarlles o presidente desta asociación, 'Cholo' Bouza, o acordo alcanzado nunha reunión que mantiveron con responsables de Endesa. Este acordo establece que nos tráficos que xurdan priorizarase a contratación dos antigos transportistas do carbón e que ademais manterán o diálogo para desta forma facilitar a ocupación do colectivo de transportistas e que no caso de que se realice o desmantelamento da central, serían estes os encargados de transportar os residuos xerados.

AUXILIARES

Por outra banda, os sindicatos CIG, UGT e CCOO tamén se reuniron con responsables da empresa eléctrica durante a mañá deste mércores para abordar a situación dos traballadores das empresas auxiliares. Chegaron a un entendemento que motiva que estes operarios non van continuar na empresa á finalización da súa xornada laboral, tal e como viñan facendo nas últimas semanas.

Deste xeito, Endesa garante o traballo das empresas auxiliares ata o 30 de xuño, mantendo a carga de traballo actual, e antes de chegar a esta data abrirase unha mesa de diálogo para tratar o escenario existente.

No caso de que se execute o desmantelamento destas instalacións, estes empregados terán prioridade de contratación e estes operarios tamén preferencia naqueles proxectos que se poñan en marcha na zona ao amparo da Bolsa de Transición Xusta do Ministerio de Industria, coa instalación de novos proxectos vinculados ás enerxías renovables.

Os camións do carbón da central de Endesa nas Pontes bloquean os accesos.
Os camións do carbón da central de Endesa nas Pontes bloquean os accesos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta