Por X.M. Fernández | Allariz | 31/03/2021 | Actualizada ás 09:00
Para facer máis divertidas as visitas culturais familiares o Concello de Allariz vén de presentar un itinerario turístico pensando nos máis pequenos da casa. O mapa do percorrido cultural, con atractivas ilustracións, servirá de guía activa conseguindo que os nenos e nenas interactuen co patrimonio ao mesmo tempo que aprenden e gozan da visita.
O concello lanza este itinerario turístico para coñecer os segredos de Allariz mediante a resolución de pequenas preguntas coa axuda de pistas, e se son quen de resolver todas as cuestións, na Oficina de Turismo de Allariz poderán solicitar o seu diploma de Guía Oficial de Allariz personalizado.
María López, Concelleira de Promoción Económica, Comercio e Turismo de Allariz explicaba que “a idea coa que naceu este proxecto, foi a de crear un produto turístico, educativo e cultural que mostre unha visión da historia de Allariz e os seus feitos máis importantes”.
O AUTOR DAS ILUSTRACIÓNS DO MAPA E DO DIPLOMA
As ilustracións do percorrido e do diploma son obra de Daniel Jiménez Macias, alumno do Grao Superior de Ilustración da EASD Antonio Faílde de Ourense, que colaborou co Concello de Allariz logo dunha proposta da administración local ao Centro Educativo para este fin.
Daniel chegou á ilustración dunha forma casual aínda que, como di el, sempre debuxou. Despois de formarse en Ourense comezou a debuxar profesionalmente.
O ilustrador representou os puntos máis característicos dunha forma atractiva e divertida para que as crianzas que se acheguen a Allariz coñezan con maior interese o patrimonio cultural e histórico da vila.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.