Por Galicia Confidencial | Compostela | 08/04/2021 | Actualizada ás 17:15
Galicia avaliará a próxima semana atrasar o toque de queda que restrinxe a mobilidade nocturna, actualmente fixado entre as 22,00 ata as 06,00 horas. Será na reunión do próximo martes do comité de expertos que asesora á Xunta, do que sairá o marco restritivo para as próximas semanas xa cos efectos da Semana Santa de relevo.
Así o indicou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, a preguntas dos medios na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu executivo, onde apuntou que o comité clínico contará xa cun "contexto máis concreto" sobre o "impacto" do aumento da mobilidade e as interaccións sociais motivado polos días festivos da Semana Santa.
Unha información sobre a que se asentarán os posibles cambios no marco restritivo que impera na Comunidade autónoma na que só dous municipios, A Pobra e O Grove, están en nivel máximo de restricións, é dicir, pechados perimetralmente e coa hostalaría limitada ao servizo a domicilio. Neste sentido, Núñez Feijóo confirmou que nesa reunión estará "sobre a mesa" aplicar cambios no horario de toque de queda, que limita a mobilidade en Galicia actualmente desde as 22,00 ás 06,00 horas.
O decreto do estado de alarma vixente desde o mes de outubro e que, previsiblemente, finalizará en maio permite ás comunidades modular o horario do toque de queda, que pode dar comezo entre as 22,00 e as 00,00 horas e terminar entre as 05,00 e as 07,00 horas.
"Imos avaliar se é necesario ou se podemos pospor o toque de queda", sinalou o mandatario autonómico, que tamén apuntou á posible reapertura do peche perimetral da comunidade, unha medida que, en todo caso, "non só depende" da evolución de cada territorio senón dos posibles "efectos" doutras autonomías con situacións "de risco". Feijóo resaltou que, polo momento, a pandemia en Galicia mantense "estabilizada" e presenta un "contexto razoable e admisible", aínda que aínda están por coñecer os posibles efectos da Semana Santa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.