Ben sei que a política, actividade precisa para o bo funcionamento da sociedade, é necesaria. Mais partindo dese principio, na política teñen que existir unha normas que, aínda que non estén escritas, polo ben da sociedade, sexan de obrigado cumplimento. Pois, se non se fai así, a degradación derivada do exercicio da mesma afectanos e a democracia dexenera e arruínase.
Na nosa cidade, dende hai un tempo, falar de ética na política resulta algo anormal. Pois hai máis seis anos que entramos nunha deriva moi perigosa: os plenos carecen de contido; non hai asuntos de futuro que sexan de interese. Non se resolven temas e problemas importantes que estan na mente dos ourensás, etc, Mais, iso si, discútese sobor dos que ten que cobrar a costa do erario público; cantos liberados debe ter un grupo e outros asuntos que carecen de interese cidadán.
Hai uns días, o gran muñidor, sae á palestra cunha declaración blaqueando o rexidor do concello e dicindo que, quen gañou as eleccións nesta cidade sería peor alcalde co que hoxe está. O anuncio, que dá iste pitoniso, apunta que todo camiña cara a restauración do pacto que levou a Jacome á poltrona municipal. E por ende seguir dalgunha maneira montados no machiño mantendo importantes concellalías.
Agora que o Sr. Villarino comunica que se aparta e non aspira á alcaldía, cumplindo a condición que lle esixía o PP pra chegar a un pacto e asinar unha moción de censura, os populares contestan que a súa palabra non ten valor, dando a entender que estan dispostos a manter no poder a Jácome pase o que pase e custe o que custe.
E claro, as preguntas que moitos ourensás nos facemos, lévannos a ter curiosidade por saber se algo cambiou nesa casa de todos, pra xustificar a volta a ise goberno e afromtar os graves problemas que ten a cidade de Ourense. Xa sei que a curiosidade é atrevida, mais entendo que, pra argallar unha nova maioría, hai que falar cos edís que denunciaron o ínclito alcalde. E iso implica unha volta ó inicio do mandato. Pois doutra maneira non se ve como se xuntan 14 votos pra gobernar.
En fin, sabedor de que en política, e máis nesta cidade, todo é posibel, espéremos acontecementos. Esperomos a ver como se xustifica o non asinar unha moción de censura pra sacar a un alcalde que desfai mais que fai; que desprestíxia a unha cidade e a súa institución, cuestión que nos avergoña como cidadáns desta Auria. Pero, visto o visto, preparemonos pra afrontar un novo capítulo da comedia bufa ou se o prefiren do Era Visto ourensán, pois teremos esperpento no Concello durante dous anos máis é o único resposabel desta desfeita será o Sr. Feijoo, Baltar e o PP. Ademais a palabra dada no seu día polo ex-alcalde Jesús Vazquez poñendo as condicións esixidas polos populares non valerá ren. Ou mellor será a dun home de palla. De pena.