Por Alberto Quian | Madrid | 03/06/2021 | Actualizada ás 22:00
Arsénico, zinc, ferro e aluminio foron atopados en “niveis altos” en melgachos (Scyliorhinus canicula) capturados en augas portuguesas. E “moitos exemplares superaron os límites estipulados para mercurio e arsénico, o que supón un risco para o consumo humano”, advirten investigadores da Escola Superior de Turismo e Tecnologia do Mar do Politécnico de Leiria (Portugal).
Os científicos analizaron mostras de 74 exemplares de melgacho capturados fronte á costa de Portugal, a 55 quilómetros de Peniche (a uns 280 quilómetros de Galicia), por un buque comercial de arrastre, en tres ocasións diferentes, entre finais de marzo e finais de xuño de 2018. No laboratorio, tomáronse mostras de tecidos musculares e da pel dos exemplares.
No tecido muscular, o arsénico foi o elemento con maior concentración; na pel, arsénico, aluminio e zinc, por esta orde, presentaron os niveis máis altos
Os investigadores comprobaron que as concentracións de metais e metaloides presentaban niveis máis altos na pel que nos tecidos musculares desta especie da familia dos tiburóns, a máis abundante e común no noso litoral e habitual das lonxas galegas.
No tecido muscular, o arsénico foi o elemento con maior concentración media, seguido do zinc. Na pel, arsénico, aluminio e zinc, por esta orde, presentaron os niveis de concentración máis altos.
Ao comparar os niveis dos metais e metaloides acumulados en músculos e pel, observáronse niveis de arsénico máis altos no músculo, mentres que a pel tiña niveis “significativamente maiores” de aluminio, cromo, ferro e manganeso, en comparación coas concentracións atopadas na parte muscular. Mercurio, selenio e zinc foron os elementos que non mostraron diferenzas significativas ao comparar a súa concentración entre músculo e pel.
“A pel mostrouse como a preferida para a acumulación de seis de cada dez elementos medidos. Isto inclúe cobre e chumbo, cuxas concentracións só se detectaron en mostras de pel (un único individuo tiña niveis medibles no músculo), e aluminio”, esclarecen os investigadores, que sinalan como “excepción a este patrón” o arsénico, con niveis significativamente máis altos no tecido muscular.
Nas análises, tamén atoparon diferenzas nas concentracións de elementos entre machos e femias, e tamén entre distintas etapas de vida dos exemplares. No músculo, as femias presentaron maiores concentracións de aluminio, mentres que os machos presentaron maiores niveis de mercurio e zinc
Os melgachos tamén presentaron valores máis altos de zinc e arsénico en comparación con outras especies de tiburóns de augas profundas
En canto á etapa de madurez dos exemplares, observáronse valores máis altos de aluminio, manganeso e zinc nos músculos de individuos adultos.
Na pel, os melgachos machos presentaron niveis de mercurio e zinc “significativamente máis altos”, como no músculo. Os adultos tamén mostraron concentracións de mercurio e ferro na pel “significativamente máis altas” en comparación cos exemplares xuvenís.
“As diferenzas atopadas entre as etapas de madurez atribuíronse á natureza do proceso de bioacumulación [acumulación de substancias químicas en organismos vivos de forma que estes alcanzan concentracións máis elevadas que as concentracións no seu medio ou nos alimentos], mentres que as diferenzas derivadas do xénero poderían xustificarse polos hábitos de alimentación e as preferencias de presa de ambos os xéneros”, explican os autores da investigación.
Os melgachos tamén presentaron valores máis altos de zinc e arsénico en comparación con outras especies de tiburóns de augas profundas.
NON APTOS PARA A PRODUCIÓN DE PENSOS E O CONSUMO HUMANO
Os autores desta investigación móstranse “preocupados” por estes valores de metais e metaloides, xa que “esta especie é consumida regularmente polos humanos (e ás veces tamén cociñada coa pel)”.
Recordan que a carne destes peixes é “unha fonte barata de proteínas, especialmente cando se trata de especies máis pequenas bentónicas, que se poden capturar facilmente mediante a pesca de arrastre”.
Os científicos tamén salientan que “estas especies máis pequenas adoitan atoparse preto ou ao longo da costa, onde as entradas de contaminantes de orixe antrópica [humana] poden afectar ás súas poboacións”, e utilízanse “en moitos pratos tradicionais polas poboacións costeiras, onde os guisos e as sopas utilizan non só o músculo, senón tamén a pel (na que os contaminantes poden entrar indirectamente na comida final)”.
Trátase dunha especie co corpo alongado e afiado, co fociño curto e arredondado. A pel é coma lixa. Presenta numerosas manchas pequenas de cor castaña escura –e por veces brancas– no dorso, costas e aletas. Trátase da quenlla máis frecuente tamén na costa galega e a súa lonxitude máxima é dun metro
O melgacho vive en fondos areosos ou de lama, desde os 25 metros ata os 400 de profundidade. É activo pola noite, permanecendo en repouso durante o día. Captúrase practicamente con todas as artes. É un peixe de carne e textura agradables, sen espiñas. O costume é vendelo sen a pel, que se desprende tirando con forza e habilidade.
Os datos mostran que “practicamente todos os melgachos analizados non eran aptos para a produción de pensos na UE e para o consumo humano”
Ao analizar os exemplares de melgachos capturados para o estudo, os investigadores descubriron que os valores de mercurio atopados –aínda que non dos máis altos entre os elementos analizados– eran superiores aos marcados como limiares para o consumo humano pola Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) e o Comité Mixto FAO/OMS de Expertos en Aditivos Alimentarios (JECFA).
Os científicos consideran “igualmente preocupantes” os valores de arsénico atopados, así como os niveis potenciais de arsénico inorgánico, máis tóxico que o orgánico. Os datos mostran que “practicamente todos os melgachos analizados non eran aptos para a produción de pensos na UE e para o consumo humano”, advirten.
En conxunto, para todo os metais e metaloides analizados, “os resultados deste estudo suscitan preocupación por que as poboacións atlánticas de melgachos (na costa de Portugal) poidan estar contaminadas por riba dos niveis de consumo humano seguro”, polo que os expertos recomendan evitar unha inxestión excesiva de carne desta especie e piden precaución tamén no uso da súa pel para cociñar, mentres non haxa máis estudos que permitan avaliar os riscos.
“En conclusión, hai razóns de saúde pública para consumir estes peixes, pero tamén pode haber sinais preocupantes sobre posibles alteracións ecoloxicamente relevantes causadas pola acumulación destes elementos nos exemplares de melgacho”, rematan.
Os resultados do estudo veñen de ser publicados na revista científica internacional Marine Pollution Bulletin.
ARSÉNICO EN ATÚN COMERCIALIZADO EN GALICIA
En Galicia tamén existe preocupación pola acumulación de metais e metaloides en especies acuáticas que consumimos. Varios estudos apuntan nesa dirección. Por exemplo, Investigadores do Departamento de Toxicoloxía da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela atoparon niveis de arsénico nunca antes vistos no atún fresco que se comercializa en Galicia.
Os científicos galegos analizaron os niveis de arsénico, cadmio e chumbo en 110 mostras de atún fresco e procesado, para avaliar os riscos para a saúde humana. O contido de chumbo, tanto en atún fresco como procesado, foi insignificante, mentres que os niveis totais de arsénico e cadmio no atún procesado foron máis baixos que no atún fresco.
Os investigadores da Universidade de Santiago atoparon niveis inusitados de arsénico no atún fresco
Os científicos tranquilizan a opinión pública no que se refire á presenza de chumbo e cadmio neste peixe, xa que "os resultados observados non representan un risco para o consumidor", segundo a lexislación da Unión Europea que regula os niveis máximos destas substancias que se consideran tolerables para a saúde humana. Porén, alertan de niveis inusitados de arsénico no atún fresco, para o que, advirten, non se estableceu un límite legal.
“Os contidos de arsénico en atún fresco informados aquí son importantes, xa que se atopan entre os máis altos reportados na literatura [científica]”, confirmaron os investigadores.
No estudo, publicado en 2018, atoparon arsénico en todas as mostras de atún, pero as de atún enlatado mostraron os niveis máis baixos, seguido do atún en vidro. A media máis alta observouse no atún fresco, atopándose "diferenzas na bioacumulación de arsénico entre o atún fresco e procesado estatisticamente significativas", principalmente porque "os espécimes do mercado de produtos frescos adoitan ser máis grandes que os destinados a procesos industriais", explican os investigadores, que estimaron nun 3 por cento a cantidade de arsénico inorgánico —a forma máis perigosa para a saúde— na concentración total desta substancia nos atúns.
O arsénico existe tanto en forma orgánica como inorgánica. Os compostos de arsénico inorgánico (como os que se atopan na auga) son extremadamente tóxicos, en tanto que os compostos de arsénico orgánico (como os que se atopan en peixes e mariscos) son menos prexudiciais para a saúde, advirte a Organización Mundial da Saúde (OMS).
A exposición prolongada ao arsénico inorgánico pode causar intoxicación crónica. Os efectos máis característicos son a aparición de lesións cutáneas e cancro de pel.
O Centro Internacional de Investigacións sobre o Cancro clasificou o arsénico e os compostos de arsénico como canceríxenos para os seres humanos.
O arsénico é unha das dez substancias químicas que a OMS considera máis preocupantes para a saúde pública. A propia Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria recomendou reducir a exposición alimentaria ao arsénico inorgánico, que aínda que en baixas proporcións, tamén se atopa nos pescados.
MERCURIO EN TIBURÓNS DA LONXA DE VIGO
En canto ao mercurio, un equipo científico francés atopou nos exemplares máis grandes de quenlla (Prionace glauca) e marraxo azul (Isurus oxyrinchus) que se desembarcan no porto de Vigo niveis por enriba do límite máximo permitido pola Unión Europea para a súa comercialización.
Neste caso analizaron en laboratorio 88 exemplares destas dúas especies que se venden na lonxa viguesa, o maior centro comercial de Europa de carne e aleta de tiburón, no punto de mira dos ecoloxistas.
O estudo, tamén publicado en 2018, foi realizado por investigadores do Institut Méditérranéen d'Océanographie, o Institut Français de Recherche pour l'Exploitation de la Mer e o Littoral Environnement et Sociétés, todas elas institucións científicas francesas.
Os autores analizaron as concentracións de mercurio no músculo de exemplares de ambas as especies capturados entre as Azores e a península ibérica e desembarcados, frescos e conxelados, na lonxa de Vigo por barcos galegos e portugueses.
Practicamente todos os exemplares de quenlla de máis de 250 centímetros e de marraxos de máis de 190 centímetros tiñan niveis de mercurio superiores ao legal
A maioría dos tiburóns desembarcados e analizados foron xuvenís que presentaron unha concentración media de mercurio inferior ao límite máximo permitido pola Unión Europea para a súa comercialización e consumo humano. Porén, e este é o resultado máis substancial da investigación, detectáronse concentracións por enriba deste limiar nos exemplares máis grandes, en quenllas de máis de 250 centímetros de lonxitude e en marraxos de máis de 190 centímetros. Esta evidencia cuestiona, segundo os científicos, a comercialización de individuos de gran tamaño.
Practicamente todos os exemplares de tiburón azul de máis de 250 centímetros de lonxitude e de marraxos de máis de 190 centímetros mostraron niveis de mercurio superiores ao legal, polo que os expertos consideran que os exemplares con estas dimensións son de risco para a saúde humana. Pero tamén se detectaron altos niveis de mercurio, por enriba do que permite a regulación europea, nalgúns exemplares de tiburón azul a partir de 200 centímetros e nalgúns marraxos a partir de 150 centímetros de lonxitude.
Isto levou aos científicos a definir un rango de tamaño de risco potencial para os consumidores con individuos entre 200 e 250 centímetros para o tiburón azul e de 150 a 190 centímetros para o marraxo.
Como sinalan os autores do estudo, a posición destas especies de depredadores de alto nivel na cadea trófica mariña fainos especialmente susceptibles de conter unha alta concentración de contaminantes e, particularmente, de mercurio, que pode causar danos á saúde humana como efectos tóxicos nos sistemas nervioso, dixestivo, cardiovascular e inmunolóxico, e alteracións no neurodesenvolvemento fetal.
METAIS NAS ALGAS MÁIS CONSUMIDAS EN EUROPA
Na investigación mariña tamén se atoparon metais tóxicos en algas destinadas ao consumo humano.
Científicos dos departamentos de Toxicoloxía e de Medicina Física e Farmacoloxía da Universidad de La Laguna (Tenerife), e do Servicio Canario de la Salud analizaron 73 mostras de algas europeas e asiáticas comercializadas en Tenerife. As mostras seleccionadas procedían de augas de Galicia, Portugal, Golfo de Biscaia, China, Tailandia e Taiwán.
O aluminio foi o metal tóxico máis notable en todas as mostras analizadas neste estudo. As algas asiáticas mostraron os niveis máis altos deste elemento, ademais de chumbo e cadmio, mentres que as europeas presentaron maior contido de mercurio.
Os expertos recomendan que se limite o consumo a aproximadamente cinco gramos de algas deshidratadas por día
Os científicos lembran que “as costas galegas están expostas á actividade humana a grande escala, que foi en aumento co paso dos anos”. Subliñan, ao respecto, que “esta actividade humana, así como os desastres ambientais que afectaron as costas galegas, como o afundimento do barco petroleiro Prestige, danaron esta contorna natural co consecuente aumento de contaminantes, como o mercurio”.
Ante a presenza destes metais, os científicos recomendan que se limite o consumo a aproximadamente cinco gramos de algas deshidratadas por día, cantidade aconsellada polos propios fabricantes na etiquetaxe destes produtos.
Metais tóxicos como o aluminio, o cadmio, o chumbo e o mercurio son contaminantes ambientais que se orixinan de actividades antropoxénicas (as realizadas polo ser humano) como a minaría ou o uso non controlado de pesticidas.
O aluminio é un metal neurotóxico que tende a acumularse no cerebro, os ósos, o fígado e os riles. A exposición prolongada a altos niveis deste metal relacionouse con enfermidades neurodexenerativas como o alzhéimer.
No caso do cadmio, este afecta principalmente o sistema renal, causando danos irreversibles nos túbulos renais, que están involucrados nos mecanismos de reabsorción de nutrientes.
O chumbo é outro metal neurotóxico que tende a acumularse no corpo causando un dano grave ao sistema nervioso central, especialmente en nenos e fetos, e pode causar nefropatías, alteracións do tracto gastrointestinal e alzhéimer.
O mercurio –atopado en maiores proporcións nas algas en augas de Galicia– ten unha alta toxicidade e unha marcada tendencia a acumularse e biomagnificarse ao longo da cadea trófica. Os efectos tóxicos deste elemento están relacionados coa forma química na que se atopa, así como coa forma de entrada ao corpo; por exemplo, cando a entrada é a través do tracto dixestivo, o metilmercurio é o composto con maior impacto e este acumúlase nos tecidos nerviosos.
Precisamente, o metilmercurio foi o elemento que superou o límite tolerable para o consumo humano nos melgachos analizados polos investigadores portugueses.
O mal que lle estamos a facer ao mar devólvenolo pola cadea trófica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.