GC Aberto

Abusadores

Por admin | GCAberto | 09/06/2021

Comparte esta noticia

Dende hai tempo veñen aparecendo nos medios repetidas evidencias dos abusos cometidos por membros de ordes relixiosas. Eu, coma alumno dun Colexio Marista na Coruña a totalidade da miña vida escolar, non podo sentirme alleo ós feitos. Coma sempre, ler os comentarios ás novas nos diarios dixitais é o xeito de toma-lo pulso á opinión, ou polo menos a unha parte dela. Por unha banda, moitos cualifican os feitos de “sistemáticos” e os traslada á totalidade do estamento relixioso, seguindo o guión de tantas películas como “Spotlight” onde, tirando do fío, descóbrese que alí non se salva nin o sancristán. Por outra, pálpase a opinión da denuncia oportunista, feita décadas despois, cando o suposto abusador xa faleceu ou cando semella que o acusador quere sacar tallada dun asunto probablemente banal que “non sería para tanto”.

Colexio El Pilar de Vigo
Colexio El Pilar de Vigo | Fonte: Páxinas galegas.

Eu teño que dicir que vivín aquilo, e que fun espectador daquelas prácticas vergoñosas, perante as que todos calabamos pensando que era “o normal”. Maristas psicópatas, que mesmo magreaban á guapa da clase, como chamaban “pinochita nariguda” á que tiña o nariz menos agraciado. Outros con maneiras de lexionarios, de peito aberto, que chamaban “gordo”, “fraco” ou “pouco musculado” ao rapaz máis débil, ríanse do tatexo, chamaban “tonto” ao que tiña poucas luces, e ridiculizaban ao amaneirado. Algúns tiñan adicción á violencia, gustáballes ver liortas no patio, nas que eles engadían labazadas no cu ou capóns exercitados con mestría de karatekas. Cregos que citaban alumnos no seu despacho para cousas peores na intimidade, baixo a mirada beatífica (agora santa) do Fundador da Orde que penduraba enmarcado na parede. Todo pensado para manter unha autoridade e un dominio sobre os rapaces que nin sequera tíñanse gañado. O Estado déralles o monopolio do ensino, e eran intocables. Podían xogar á dobre moral de predicar o amor cristián e actuar xustamente facendo o contrario.

Pero así como todas estas aberracións existían, non eran sistemáticas. Había tamén profesores excelentes, e Maristas profundamente bos, entregados ao ensino e ó coñecemento, homes sabios e santos. ¿Que pensarían eles cando vían ou intuían as falcatruadas dos seus compañeiros? ¿As denunciaban aos seus superiores? ¿Miraban para outro lado?¿Pensaban que o voto de obediencia estaba por riba de calquera circunstancia?

Bocaccio relata no Decameron as conversas cun xudeu que di non ver na igrexa máis que “luxuria, avaricia e gula, fraude, envexa e soberbia e cousas semellantes e peores”, pero que decide converterse ao cristianismo porque, maila observar que os membros da igrexa semellan percurar a súa destrución, aquela institución segue ben viva e ten que ser porque “xustamente o Espírito Santo é o seu fundamento e sostén, como de máis verdadeira e máis santa que ningunha outra”. Aínda será por iso.

Xurxo Romaní Ex-alumno marista (Barcelona)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta