Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/07/2021 | Actualizada ás 16:15
Cs e BNG en Ourense pediron que o PP firme a moción de censura para permitir que "goberne a lista máis votada" tras o auto xudicial que apunta "indicios razoables" de malversación na xestión de fondos públicos de Democracia Ourensá (DO), o partido do rexedor municipal.
Así, estes dous partidos da oposición fixeron esta petición, ante os medios de comunicación, despois de coñecerse o auto do Xulgado de Instrución número 3 de Ourense que ve "indicios razoables" de malversación na xestión de fondos públicos de Democracia Ourensá.
A denuncia polas supostas irregularidades nas contas da formación fora o motivo polo que o PP abandonara o goberno de coalición con DO o pasado mes de setembro ata o seu regreso o pasado 2 de xullo.
O portavoz de Cs, José Araújo, asegurou estar "encabuxado", por iso esixiu que se "lle devolva a honorabilidade" á cidade. "O señor Miguel Tellado falou de devolverlle a honorabilidade a Jácome, deberían empezar por devolverlla á cidade", sentenciou Araújo.
Neste sentido, reclamou que os populares "fagan algo útil" e non "andar malversando cos intereses dos veciños de Ourense, que é o que fixeron ata agora". Así, criticou que "non foron útiles" durante o tempo que vai de mandato porque "son cínicos en formulacións que logo non defenden".
Por todo iso esixiu que asinen a moción de censura, "deixen gobernar á lista máis votada", "váianse para a súa casa e deixen de tomar o pelo aos veciños de Ourense".
PSOE, LISTA MÁIS VOTADA
A lista máis votada foi a do PSOE, formación cuxo portavoz municipal, Rafa Villarino, subliñou que o auto "pon a sombra da dúbida" sobre a xestión de fondos públicos do alcalde e, ante esa tesitura, o PP "non pode seguir nin un momento máis no goberno municipal". Ademais, trasladou que "o propio Jácome debería dimitir das súas responsabilidades".
Se ningunha das dúas cousas suceden Villarino esgrimiu que será unha demostración de que "o rexedor non ten a exemplaridade necesaria para estar no cargo" e coincidiu co portavoz de Cs en que o PP "se contradeciría a si mesmo porque meses atrás se marcharon con moitos menos indicios".
Ademais, o secretario provincial do PSOE criticou que o PP "lle esixiu asinar por escrito o abandono" da política "sen ningunha causa de corrupción" mentres "manteñen o poder a Gonzalo Pérez Jácome con todas as sombras posibles".
"O DEFENSOR DO PRIVADO"
Coas dúas formacións coincidiu o BNG. Para os nacionalistas "só" se entende "a presunción de inocencia mostrada cara a Jácome" polo PP "se hai intereses entre ambos" cando "a outros lle pedían a cabeza ao minuto".
Así, o portavoz municipal do BNG, Luís Seara, incidiu na necesidade de que "o PP se bote a un lado" e "facilite" a moción de censura para que goberne a lista máis votada. Ademais, criticou que "o defensor do privado, de 'quen queira cultura que lla paguen', estivese a financiar os seus negocios con diñeiro público".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.