Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/07/2021 | Actualizada ás 13:51
A Autoridade Portuaria da Coruña presentou este mércores unha ruta turística guiada, que ten por obxectivo achegar aos coruñeses e visitantes a historia do porto e da cidade. O presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, explicou que buscan "que os coruñeses sintan agarimo e orgullo polo seu porto". Este ano servirá como "proba piloto", coa idea de repetila o ano que vén.
Así, valora especialmente aos dous guías e a posibilidade de facer esta ruta "in situ". A visita contará co guía turístico Suso Martínez e o xornalista, escritor e comisario de exposicións, Rubén Ventureira. Os asistentes poderán coñecer o pasado, presente e futuro do porto da Coruña, co foco nos acontecementos históricos máis importantes.
VIDA SOCIAL E ECONÓMICA
Rubén Ventureira subliña que "a historia do porto é a historia da cidade". Segundo indica, nesta visita trataranse distintos temas como o cinema, a arte ou o deporte. "Vaise a falar da vida social, cultural e económica da cidade ligada ao porto". Pola súa banda, Suso Martínez remarca que será "unha visita comentada", xa que será realizada entre dous guías.
"O porto é o ADN da cidade, todos os momentos nos que A Coruña pasa a unha esfera internacional está o porto", asevera.
DO 24 DE XULLO AO 1 DE OUTUBRO
A ruta poderase facer entre o 24 de xullo e o 1 de outubro a partir das 19,00 horas e a súa duración será de 90 minutos. Realizarase a pé polos peiraos de Transatlánticos, Méndez Núñez, Batería e o comezo de Calvo Sotelo, para finalizar na praza de Ourense. O punto de encontro será a Autoridade Portuaria.
A visita será gratuíta e haberá que reservala previamente na web da Autoridade Portuaria. Debido ás restricións o número máximo de persoas por visita será de 20. A ruta farase seguindo todas as normas que ordene o protocolo covid.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.