Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2021 | Actualizada ás 21:35
Novo episodio nos vertidos “ilegais” denunciados por diversas asociacións ecoloxistas a respecto da mina de San Finx. A concesionaria desta explotación localizada no Concello de Lousame foi acusada en repetidas ocasións de ter derivado augas contaminadas na mina ao exterior, “inxectando metais pesados” ao río que decorre na contorna da explotación e, finalmente, á ría de Muros-Noia.
Así o describen dende Ecoloxistas en Acción, que vén de dar un paso máis na loita contra os aparentes vertidos de San Finx levando ata o Parlamento Europeo unha cuestión que, segundo destacan, é sobradamente coñecida por Augas de Galicia; entidade dependente da Xunta a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.
A chegada da problemática da Mina de San Finx até o Parlamento Europeo garda relación cunha nova denuncia que vén de ser posta en coñecemento público pola formación ecoloxista. Se ata o momento se denunciara que a empresa responsable da explotación vertera ao río veciño as augas de catro niveis da mina, agora veñen de asegurar que esta concesionaria “abriu un novo nivel máis profundo na mina”, que tamén tería estado desaugando entre 2016 e 2020 “sen autorización” das institucións.
A denuncia foi carrexada ata o Parlamento pola deputada de IU Sira Rego, que incidiu en que a quinta planta que tería desaugado a concesionaria da mina nin sequera estaba prevista no proxecto aprobado en 2009. En liñas paralelas, a eurodeputada cuestionou que a CE achegara fondos europeos á empresa matriz da concesionaria; fondos que resultarían empregados para realizar estudos xeolóxicos precisamente nesta 5ª planta non contemplada nos informes iniciais; e tamén para pagar o salario do director da mina, de acordo con Ecoloxistas en Acción.
AUGAS DE GALICIA
A problemática de San Finx e a súa relación coas institución non só cae por Centroeuropa. Ecoloxistas en Acción denuncia que os vertidos da mina son “coñecidos” por Augas de Galicia, entidade á que acusan de manter “artificialmente aberto” un expediente de autorización de vertido á empresa mineira desde 2016 “sen facer nada para impedir a continuidade dos vertidos ou sancionar á concesionaria”. Todo isto a pesar de que, apuntan dende a plataforma o feito de ter desaugado “ilegalmente” unha nova planta da mina “debería implicar unha sanción inmediata”. “Ecoloxistas en Acción ven de notificar esta mesma semana a este organismo para que non poida alegar posteriormente descoñecemento dos feitos”, engaden.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.