O BNG de Ourense pedirá a reprobación do PP por apoiar a Jácome

Os concelleiros nacionalistas pregúntanse "que lle dá Jácome ao Partido Popular ou por que Jácome é tan importante para o PP".

Por E.P. | OURENSE | 26/07/2021 | Actualizada ás 19:38

Comparte esta noticia

O BNG rexistrou unha moción para debater no próximo pleno municipal de Ourense coa que buscará a reprobación dos concelleiros do PP pola súa "conivencia" co alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, a pesar de que un xulgado decidise o pasado 13 de xullo reabrir a causa contra o seu partido, Democracia Ourensana (DO), por apreciar indicios de malversación na xestión dos seus fondos.

A exposición de motivos da iniciativa, rexistrada este mesmo luns polos dous concelleiros nacionalistas na cidade, Rhut Reza e Luís Seara, lamenta que agora os populares argumenten que "prima a presunción de inocencia e a necesidade dunha sentenza en firme" para romper co rexedor cando o pasado verán xa se saíron do goberno local.

É máis, en setembro de 2020, o pleno do Concello solicitara a dimisión do alcalde con 24 votos a favor --ademais de PSOE, BNG e Ciudadanos, deron o seu 'si' os edís do PP e outros cinco non adscritos, antigos membros de DO-- fronte a dous en contra --o propio Jácome e o único concelleiro de DO que o seguía apoiando--. Con todo, a finais de xuño deste 2021, os populares volveron ao goberno municipal. "É curioso que os que quixeron dinamitar a Jácome, agora sexan tan escrupulosos aludindo a unha presunción de inocencia que obviaron cando en setembro de 2020 decidiron abandonar o bigoberno", afea a moción do Bloque.

Ademais, os nacionalistas critican que os populares se dedicasen "durante meses a marear a perdiz" para non presentar unha moción de censura con "vetos e condicións inasumibles", xa que puxeron como liña vermella que o portavoz municipal socialista, Rafa Villarino, non fose o candidato á Alcaldía a pesar de gañar as eleccións en 2019.

Neste contexto, o Bloque tamén se pregunta "que lle dá Jácome ao Partido Popular ou por que Jácome é tan importante para o PP". "Para o BNG o importante non é devolverlle a honra a Jácome, é devolverlle a honra a Ourense e ás e aos ourensáns", subliña. Por todo iso, os nacionalistas pedirán a reprobación dos membros do PP que forman parte do goberno bipartito pola súa "conivencia con Jácome, a pesar das presuntas irregularidades" que observa a xuíza "e por contribuír, en consecuencia, ao descrédito da política e dano para a imaxe do concello".

O portavoz municipal do BNG, Luís Seara, atende aos medios en Ourense.
O portavoz municipal do BNG, Luís Seara, atende aos medios en Ourense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Por que Villarino é tan importante para o BNG de Ourense ? Por que Carmela Silva é tan importante para o BNG de Pontevedra ? Por que a illa Pancha segue privatizada en Ribadeo ? Ao mellor o problema o teñen os "pancistas" do BNG ?