Catro marchas denunciarán a "sobrecarga" de proxectos eólicos nas Fragas do Eume

Será este domingo e partirán desde a Capela, Cabanas, Pontedeume e Monfero.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/09/2021 | Actualizada ás 11:32

Comparte esta noticia

Catro marchas percorrerán este domingo a comarca de Ferrolterra en protesta pola "sobrecarga" de proxectos eólicos na contorna do parque natural das Fragas do Eume.

Convocadas por unha ducia de plataformas veciñais e colectivos ecoloxistas, as marchas partirán da Capela, Cabanas, Pontedeume e Monfero para confluír no mosteiro de Caaveiro, onde se procederá á lectura dun manifesto.

O obxectivo é mostrar o rexeitamento cara a un modelo de "sobrecarga irracional" do territorio con proxectos eólicos e as súas liñas de evacuación, especialmente na contorna das Fragas do Eume.

Os promotores da protesta explican que na zona están proxectados seis polígonos eólicos que suman máis de 100 aerexenadores superiores aos 200 metros de altura que, de levarse a cabo, "terán un gran impacto visual, económico, sobre o patrimonio cultural e natural e sobre a calidade de vida na comarca".

Así, reclaman unha "transición enerxética xusta" que estea "distribuída socialmente" e sexa "respectuosa coa biodiversidade e o territorio". E é que, a xuízo dos convocantes, o modelo eólico que se aplica en Galicia baséase en "macroparques" nos que "se priorizan os intereses das compañías eléctricas fronte aos das persoas".

Fragas do Eume.
Fragas do Eume.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta