Os grandes de Tik Tok e Youtube en galego danse cita nun coloquio en Carballo

Contarán cos gañadores do premio Galitwitter e outros creadores de contido para explorar cal é o futuro das novas narrativas en galego.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/09/2021 | Actualizada ás 11:32

Comparte esta noticia

Carballo acollerá o vindeiro xoves o primeiro encontro transversal do talento galego online. A xornada, que terá lugar no marco da oitava edición do Carballo Interplay, recollerá debates, concursos e mostras orientadas a dar conta dese xa consolidado mercado do entretemento dixital que mozos e mozas de Galicia seguen a espallar na lingua do país. 

Os 'másters' da Internet que se darán cita no VIII Carballo Interplay
Os 'másters' da Internet que se darán cita no VIII Carballo Interplay

A cita dos ‘másters da Internet’ de Galicia dará comezo o vindeiro día 9 ás 10:30h no Pazo da Cultura de Carballo, espazo que acollerá os creadores e creadoras de contidos de diversa natureza para Yotube, Tik Tok e Twitch.  No lugar desenvolverase un coloquio entre os principais puntas de lanza das novas narrativas dixitais do país. O encontro, moderado por Alba Mancebo e Esther Estévez, contará coa presenza dos “ilustres gañadores do premio Galitwitter”, Jon Amil e Mira1cousinha; representantes de dous dos podcasts máis exitosos do último ano, Samuel L. París (MBA mal) e Carme D. Prol (Café Derby 21), da man do creador de Podgalego, Isaac González; creadoras de contido para Youtube, Olaxonmario e Nee Barros, e Tik Tok, Malva e Leti da Taberna; ou un dos impulsores da iniciativa Twitch en Galego, Agos Reigosa.

A xornada servirá tamén para sumar visibilidade ás principais series web do país, de aí que as 11:30 se dean cita os principais creadores destes contidos. Estarán Sonia Mendez (Angélica y Roberta), Irene Pin (Amnesia 3.0), Javi Camino (El viudo quiere mimos), Óscar Cruz (colectivo Porco Bravú) ou Lucía Estévez (Xan), que moderará o debate. Tamén participarán na conversa Sandra Lesta, David Fidalgo, Jorge Boquete, Miguel Canalejo ou Pedro Brandariz. E, ás 17h00, proxectaránse as series web en galego que compiten na Sección Oficial do Carballo Interplay -Arrieiros Somos, Mataría MicroSerie, Pandemials e Dúo Vaguedades- coa presenza das súas creadoras e creadores. 

SERIES WEB DO FUTURO

O que fora o primeiro festival de contidos dixitais do Estado e que segue sendo a maior mostra de creatividade na rede do país, “non se limita a seleccionar e ofrecer o mellor do contido dixital galego”, destacan dende a organización, que apunta á súa intención de contribuír a "fomentar a creación dixital innovadora, en lingua galega e para o mundo", para o que conta cun premio ao proxecto de serie en lingua galega que ofrece 3000 euros para a creación dos tres primeiros capítulos.

O gañador da pasada edición do festival foi David Fidalgo, que volve ao Carballo Interplay para amosar -mañá xoves ás 21h00- os tres primeiros capítulos, o teaser da serie completa e parte do making of de Cacola, unha webserie de animación 2D dixital cunha estética cartoon con cores planas, animacións irreais e historias autoconclusivas cun ton de comedia absurda

na que todo pode pasar.

Este ano competirán polo galardón catro comedias con distintos graos de acidez e propostas estéticas ben alonxadas. As súas creadoras e creadores participarán no Pitching que terá lugar ás 19h00 no Auditorio do Pazo de Carballo, cando terán 10 minutos para defender o a súa proposta perante un xurado composto por Xose Regueira (Concelleiro de Turismo e Promoción Económica de Carballo), Lucía Estévez (directora), Javi Camino (director) e Andrea Villa (Directora de actividades do Carballo Interplay). A serie gañadora estrearase na vindeira edición do Festival.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta