Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/09/2021 | Actualizada ás 09:30
Os consumidores galegos cambian os seus hábitos de compra. Cada vez son máis os habitantes da comunidade autónoma que, á hora de desenvolver un gasto, teñen en conta as calidades do produto máis alá do tanxible. E é que, de acordo cun estudo publicado pola conserveira Jealsa, a responsabilidade social corporativa está a gañar un posto entre os baremos dos que fan uso os consumidores do país para decidir entre un e outro ben ou servizo no mercado.
Así é que o 60% dos galegos asegura que a sustentabilidade dos produtos que mercan, así como o compromiso manifestado polas empresas de cara ao coidado do medio ambiente, inflúe nas súas decisións de compra. A cifra é resultado dun estudo desenvolto sobre mil persoas ao longo deste 2021. “A sustentabilidade e o coidado do medio ambiente son dous factores que cada vez máis preocupan tanto á poboación, como a empresas e institucións”, apuntan dende a compañía a partir dos datos recollidos.
A afirmación desenvólvese sobre o feito de que, de acordo coas mesmas fontes, que as empresas conten con programas de Responsabilidade Social Corporativa, nos que se xestiona e avalía o impacto que a súa actividade ten na súa contorna, son iniciativas “ben acollidas” polos galegos. En total, un 83% dos enquisados considera é importante ou moi importante que as empresas conten cos seus propios programas de RSC, cifra que se eleva catro puntos porcentuais por encima da media estatal. “A sustentabilidade e o coidado do medio ambiente son dous factores que cada vez máis preocupan tanto á poboación, como a empresas e institucións”
Ademais da importancia deste plan --que, como apuntou Galicia Confidencial, non sempre se corresponde cun auténtico coidado do medio-- o estudo realizado por Jealsa tamén constata o alto nivel de concienciación respecto ao consumo responsable de gran parte da poboación. E é que, segundo o citado estudo, o 81% dos galegos deixou de comprar algún produto por falta de transparencia no seu envase, é dicir, pola falta de información nutricional ou a orixe dos seus ingredientes, o que supón tres puntos porcentuais por riba da media entre comunidades.
O compromiso ecoloxista dos galegos reflectido no estudo tamén tería en conta a calidade dos produtos consumidos, circunstancia que, de tratarse de materias de proximidade, axudaría tanto a reducir a pegada de carbono como a apoiar o tecido económico da comunidade. O 57% estaría disposto a consumir unicamente produtos que certifiquen a procedencia sostible das materias primas empregadas, de novo por enriba da media estatal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.