Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/09/2021 | Actualizada ás 13:33
A xestión e proxectos para optar aos fondos europeos Next Generation enfrontaron no Parlamento ao líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, e ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen non deixou de lado na súa intervención o proceso interno activado polos socialistas en Galicia e lanzou algún dardo cuestionando "o futuro" do actual secretario xeral.
Ás portas das primarias nas que o presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, disputará o liderado dos socialistas galegos a Caballero, o presidente puxo o dedo na chaga na chaga no hemiciclo do Pazo do Hórreo.
"Como non ten moito futuro, vexo por aí algún deputado no seu grupo que quere pasarse ao BNG", atacou Feijóo, mentres que o deputado socialista Pablo Arangüena, do núcleo duro de Gonzalo Caballero, mostráballe a súa coñecida fotografía --que agora usa o Bloque nunha campaña-- co presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, no acto civil no Obradoiro da súa toma de posesión de 2009.
Previamente, Caballero foi moi crítico ao sentenciar que "non hai ninguén ao volante" en Galicia para a xestión de proxectos e dos fondos europeos, dado que a Xunta se limita a colocar "titulares" na prensa pero "sen contido" e a política de Feijóo, censurou, é "a política de non facer nada".
O líder do PSdeG, quen reiterou que pedirá ao Goberno central que aumente o seu investimento en infraestruturas en Galicia nos próximos Orzamentos Xerais do Estado (PGE), recalcou que a Xunta tamén debe actuar e traballar na "modernización" do modelo económico galego, e concluíu que, se Feijóo, non é capaz de "xestionar", debería facerse ao carón.
"PARA GOBERNAR GALICIA HAI QUE GAÑAR AS ELECCIÓNS"
"Para gobernar Galicia hai que gañar as eleccións. É imposible gobernar Galicia perdendo as eleccións como vostede", replicou o presidente galego, quen puxo en cuestión o liderado de Caballero, de quen --asegurou-- ás veces pensa que cre que "está no Congreso" ou que "non ten máis obxectivo que tentar ser un director xeral" no Goberno que dirixe Pedro Sánchez.
Por outra banda, volveu a incidir en que os sectores da sanidade, autonomoción, agroalimentario, forestal e enerxético, sustentan as prioridades da candidatura galega aos fondos europeos de recuperación, que foron --dixo-- notificados aos distintos departamentos do Goberno central, aínda que de momento a Xunta recibise "respostas cero".
Do mesmo xeito, insistiu na "cogobernanza" e suxeriu que a Caballero lle debería "incomodar" que o Goberno trate de que ás omunidades sexan "meras oficinas xestoras" das súas decisións en relación á xestión delos fondos europeos. "Polo que vexo non é así", lamentou, antes de reiterar: "Nós pedimos claridade de criterios apra adxudicar eses fondos e unha garantía de cohesión territorial".
"FIXAR AS SÚAS PRIORIDADES E ESTUDAREINAS"
Así mesmo, lembrou que, co fin de perfilar as prioridades e proxectos económicos para a reactivación postpandemia, en Galicia activouse unha comisión parlamentaria que traballou "durante dez meses", na que compareceron 49 axentes económicos e sociais, con 150 informes, 52 emendas incorporadas, e 506 epígrafes propostos.
E neste punto, lamentou que o PSOE non votase "en contra nin a favor de nada". "Abstívose en todo", reprobou, antes de convidar ao PSdeG a concretar cales son "as súas prioridades, se ten algunha", e de comprometerse a "estudalas" se isto ocorre.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.