O director da CRTVG rexeita "falta de pluralidade" no ente público

Sánchez Izquierdo destacou o dato de superávit das contas, que a oposición vencella a un "recorte sen precedentes".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2021 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, vinculou coa competitividade a supresión das conexións locais na TVG, en resposta ás críticas formuladas polo BNG e o PSdeG no Parlamento galego coincidindo coa presentación da memoria do ente público correspondente ao ano pasado.

Nela, Sánchez Izquierdo reivindicou o superávit obtido no exercicio de 2020, que cifrou en 1,8 millóns, así como ao incremento das audiencias e, especialmente do consumo de contidos dixitais, dun 2%, expuxo.

Na súa intervención, incidiu en que o obxectivo da compañía é avanzar no uso das novas tecnoloxías. En relación a isto, e xa en contestación ás preguntas sobre as desconexións territoriais, argumentou que "os contidos hoxe en día son tranversais en canto ao consumo" e que a información de proximidade ten cabida, dixo, na programación que se ofrece.

"Apostouse por crear bloques informativos centrados en contidos de proximidade". "É unha aposta para ser máis competitivos, non hai que ter medo á transformación", dixo ante as críticas das deputadas do PSdeG e o BNG, Noelia Otero e María Albert González. "Que valor achega ao servizo público", preguntoulle sobre a medida a parlamentaria nacionalista, quen lle instou a rectificar e cualificouno como un "recorte de servizo público sen precedentes".

"Se primase o interese público o lóxico sería reforzar as conexións", manifestou, á súa vez, a deputada socialista Noelia Otero, quen ha puxo en cuestión o argumento de que nun informativo rexional exista cabida para a de tipo local.

ADIANTARSE AOS TEMPOS

Fronte a iso, o director xeral da CRTVG defendeu que hai que "adiantarse aos tempos. "Sede física e información de proximidade están superadas polas tecnoloxías", manifestou en relación ás críticas por supresión das delegacións e sen descartar que "nun futuro" haxa unha reformulación das existentes. Ademais, cualificou de "reporteiros de escena" aos xornalistas, ao descartar que a delegación de sedes e a información de proximidade vaian unidas.

Previamente, na presentación da memoria do ano pasado ante a comisión permanente non lexislativa de control da CRTVG, resaltou o incremento nun 11% dos oíntes da Radio Galega ou a cota do 21,8% na franxa do mediodía da TVG, entre outros datos que expuxo. Do ano pasado, e pese ao contexto de pandemia, aludiu ao "peso da innovación" nas propostas ofertadas.

"DETERIORO" DO ENTE PÚBLICO

A deputada socialista Noa Susana Díaz denunciou, con todo, na súa intervención, o "deterioro cada vez maior" no ente público. "Un superávit á conta dos recursos humanos e técnicos", expuxo tamén denunciando, na mesma liña, a precariedade laboral entre traballadores, algo que o director xeral da CRTVG rexeitou.

"Hai que recoñecer os dereitos laborais e profesionais que teñen, son dez anos esperando por eles", afirmou a deputada do BNG Olalla Rodíl, quen aludiu a falta de "pluralidade e pluralismo", argumento tamén descartado polo máximo responsable da compañía.

Mentres, nas súas intervencións, a parlamentaria do PP Carmen Pomar reivindicou a "eficiencia" do ente público cunha programación, aseverou, que atende "a todas as franxas de idade". "Democratizando a súa produción", engadiu ante as críticas sobre a ausencia de apoio ao sector cultural por parte da oposición.

Reunión da comisión de control da CRTVG, na que comparecen os candidatos dos grupos para o consello de administración da CRTVG. PARLAMENTO DE GALICIA
Reunión da comisión de control da CRTVG, na que comparecen os candidatos dos grupos para o consello de administración da CRTVG. PARLAMENTO DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta